Estudantes internacionais de Enxeñaría Civil en Lugo destacan o prestixio e a demanda destes profesionais nos seus países de orixe

Unha xornada de análise e debate sobre a situación internacional da enxeñaría civil na que participaron como relatores cinco alumnos estranxeiros que están a cursar o título de grao en Enxeñaría Civil na Escola Politécnica Superior de Lugo serviu para poñer de releve o prestixio co que conta esta formación, que é unha das titulacións máis demandadas nos países de Latinoamérica, así como a elevada demanda de profesionais que se rexistra nestes mercados.
A titulación de Enxeñaría Civil é unha das máis demandadas nas universidades radicadas nos países iberoamericanos, nos que esta titulación é a segunda, por detrás de Medicina, con máis número de solicitudes de estudantado, segundo relataron os estudantes mexicanos Marco Navarrete, procedente da Benemérita Universidad Autónoma de Puebla, e Jaime Martínez, da Universidad de las Américas de Puebla. A estudante brasileira Luiza Scortegagna, da Universidade Regional do Noroeste do Estado do Río Grande do Sur, e o colombiano Andrés Nieto, da Universidad Militar Nueva Granada de Bogotá, constataron tamén que nos seus respectivos países de orixe os enxeñeiros civís son profesionais altamente demandados e moi ben considerados, un feito que atribúen ao período de expansión e crecemento que están a experimentar estas rexións sudamericanas cunha forte demanda de construcións e obra pública. Unha situación diferente é a relatada polo estudante sirio Mohamad Karaman, procedente da Universidad de Alepo e que chegou este curso ao campus lugués a través dun programa de mobilidade internacional como é o Erasmus Mundus. Karaman sinalou que o actual conflito bélico que afecta a Siria apenas impide a existencia de oportunidades para os enxeñeiros, un colectivo profesional que si goza de gran prestixio e recoñecemento social nos países do Golfo Pérsico, unha área cara a que nos últimos anos están a emigrar estudantes universitarios doutros países da contorna. As posibilidades que ofrecen estes mercados emerxentes aos enxeñeiros civís españois semellan estar fortemente condicionadas polas dificultades e múltiples trámites administrativos, homologación de títulos... que deben sortear os titulados/as españois para entrar no mercado laboral destes países, comentaron estes estudantes internacionais do campus de Lugo. Outro dos asuntos importantes abordados nesta xornada sobre a situación internacional da Enxeñaría Civil, que estivo moderada polo profesor da Escola Politécnica Superior Carlos Núñez, atinxe ás singularidades que presenta o plano de estudos do título de grao en Enxeñaría Civil impartido na EPS respecto dos programas formativos vixentes nos citados países. Daquela, fronte ás constantes habituais de formación básica e xeneral que caracterizan os planos de estudo da titulación de Enxeñaría Civil impartidos nas universidades iberoamericanas, este grupo de estudantes salientou que a área de Portos e Costas, á que presta especial atención a USC no seu título de grao en Enxeñaría Civil, e as materias de hidráulica referidas a construción de presas e aproveitamentos enerxéticos constitúen áreas de especialización inexistentes noutras universidades e que espertan o interese de moito de alumnado foráneo.