Skip to main content

A Escola de Negocios EOI impartirá na USC a acción formativa ‘Iniciativa emprendedora’

Cartel do módulo sobre emprendemento que se impartirá en Santiago e Lugo proximamente
Cartel do módulo sobre emprendemento que se impartirá en Santiago e Lugo proximamente

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) e a incubadora de empresas da USC Uninova colaborarán coa Escola de Negocios EOI no desenvolvemento de dous módulos da acción formativa ‘Iniciativa Emprendedora’ nos campus de Santiago e Lugo os vindeiros meses de novembro e decembro. Estes módulos son unha actividade teórico- práctica de carácter gratuíto dirixida a alumnado de máster, de últimos anos de grao, de posgrao, doutoramento e titulados/as dos últimos anos en paro (por orde de preferencia) e que ademais forma parte da estratexia de alianzas da USC con axentes implicados na promoción do emprendemento. Os módulos inclúen un programa formativo no que se presta atención a cuestións sobre o ecosistema emprendedor, innovación, estratexia, finanzas, marketing, propiedade intelectual e comunicación. Estas cuestións serán impartidas pola Escola de Organización Industrial (EOI), pertencente ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, cunha ampla experiencia na posta en marcha de empresas ao ter participado na xestión de varios miles de proxectos de empresas tanto dentro como fóra de España. O proceso formativo consta dunha parte lectiva, de 30 horas de duración, na que se transmiten conceptos imprescindibles para a creación dunha empresa e se reforza con 40 horas de titorización a distribuír entre todos os grupos de traballo. Ao mesmo tempo, crearanse grupos de traballo entre os/as participantes e cada grupo elaborará un plan de negocio partindo dunha idea de empresa. Durante as seis semanas de duración do curso e coa axuda dun titor, elaborarase o plan de negocio. Por último, realizarase unha presentación de cada proxecto ao resto dos alumnos ou posibles inversores como exercicio práctico de comunicación. O curso a celebrar no Campus de Santiago impartirase na aula de formación do Edificio Emprendia, principalmente en horario de tarde, os días 10, 17, 24 e 25 de novembro e os días 1 e 11 de decembro. No campus de Lugo impartirase en novembro e decembro, estando pendente de confirmación o lugar e as datas exactas de celebración.

The contents of this page were updated on 10.20.2014.