Skip to main content

Xornadas de divulgación ‘A conservación do Medio Natural, tarefa común’

`A Dieta atlántica, na alimentación para todas as idades´, o día 8 de outubro, en Redondela

A localidade de Redondela acollerá o mércores, 8 de outubro, as xornadas de divulgación científica A conservación do medio natural, tarefa común, que, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, terán lugar ao longo de 20 días dos meses de setembro, outubro e novembro, en 20 concellos de 20 comarcas de Galicia, en sesións de mañá e de tarde.

Redondela será a quinta localidade que acolla, o mércores 8 de outubro, estas xornadas nas que se abordará como tema central a Dieta atlántica, na alimentación para todas as idades. Serán relatoras, Rosaura Leis Trabazo, profesora de Pediatría da Universidade de Santiago de Compostela, e Rocío Vázquez Cobela, investigadora na Unidade de Investigación en Nutrición, Crecemento e Desenvolvemento Humano de Galicia (GALINUT) da USC. Será moderador o xornalista de USC, Roberto Castro Sieiro.

A xornada de Redondela divídese en dúas sesións, unha matinal, ás 12.00 horas, no Auditorio Multiúsos da Xunqueira, orientada aos estudantes dos IES Mendiño e Pedro Floriani, e outra pola tarde, ás 20.00 horas na Casa da Cultura (Praza Xosé Figueroa s/n), con entrada libre para todos os cidadáns que queiran acudir a esta cita.

Nas xornadas, coordinadas polo director de Comunicación da USC, Luís Celeiro, participan profesores e investigadores, maioritariamente do Campus de Lugo, que lles prestarán especial atención a cuestións ambientais de interese xeral e relacionadas coa comarca na que se celebra cada conferencia. Neste caso a relatora, Rosaura Leis é profesora de pediatría na Facultade de Medicina e unha das mellores expertas en aspectos nutricionais relacionados coa dieta atlántica.

The contents of this page were updated on 10.06.2014.