Skip to main content

Máis de 300 especialistas asisten en Santiago ao III congreso internacional en comunicación política e estratexias de campaña

Iñaki Gabilondo pronunciará a conferencia inaugural do encontro, no que Carlos Herrera, Pepa Bueno e Sáenz de Buruaga participarán nunha mesa redonda

Organizado pola Asociación Latinoamericana de Investigadores en Campañas Electorais (ALICE) e o Departamento de Ciencia Política e da Administración da USC, o III congreso internacional en comunicación política e estratexias de campaña convoca en Santiago máis de 300 especialistas que debaterán sobre márketing político e estratexias de campaña en escenarios locais e rexionais. O encontro desenvolverase entre os días 24 e 27 deste mes no Auditorio Abanca (Preguntoiro, 23) e no Edificio da Obra Social desta entidade (Cervantes, 17). O xornalista Iñaki Gabilondo será o encargado de pronunciar este mércores a conferencia inaugural, aberta a todo o público interesado, nun acto a celebrar ás 18:00 horas no Auditorio e que contará coa presenza do reitor Juan Viaño e do alcalde da cidade, Agustín Hernández. Ademais, tamén con carácter aberto, o xoves 25 no mesmo lugar terá lugar a mesa redonda ‘Medios e comunicación política na que participarán os xornalistas Carlos Herrera, Pepa Bueno e Ernesto Sáenz de Buruaga. Os participantes no congreso disertarán estes catro días acerca de linguaxe e redes en política, reputación e confianza nas institucións públicas, estratexias de comunicación, márketing político desde o exercicio do Goberno e analizarán a diferenza entre as campañas electorais e as campañas de primarias. A maiores, presentaranse varios libros especializados e unha proposta de consultaría sobre o Sistema Español de Acreditación da Transparencia e desenvolverase una mesa redonda sobre enquisas e opinión pública.

Esta reunión de investigadores de campañas electorais latinoamericanos servirá tamén para a celebración da asemblea xeral da ALICE que preside o español Ismael Crespo Martínez e ao que acompañará o presidente do Comité Organizador do congreso e director do Departamento de Ciencia Política e da Administración, José Manuel Rivera Otero.

The contents of this page were updated on 09.23.2014.