A USC distribúe os seus libros en calquera parte do mundo a través de unebook.es
Os libros editados pola USC poderán adquirise a través da plataforma unebook.es en calquera parte do mundo. Esta é unha iniciativa que impulsa a Unión de Editoriais Universitarias Españolas e as 66 editoriais científicas que integran a asociación. O Servizo de Publicacións da USC participa neste novo portal de venta incorporando preto de cen títulos, cifra que seguirá incrementándose en función do propio ritmo da editorial compostelá, “non debemos esquecer que nos atopamos ante un proxecto vivo en constante evolución grazas a potencialidade das novas tecnoloxías e á propia revolución que está a experimentar a edición”, engade Juan Blanco, responsable deste servizo. Libros científicos, de divulgación, traducións, ensaios, edicións críticas, obras de referencia, revistas científicas, actas de congresos ou teses de doutoramentos son algunhas das propostas editoriais que xa se poden consultar. A especialización (venta en liña exclusiva do libro universitario), a independencia (plataforma que opera de xeito autónomo) e a versatilidade (cunha oferta de venda mixta, ao combinar formato dixital e en papel) convértena na única plataforma das súas características dentro e fóra de España. Unebook.es presentarase o vindeiro 2 de outubro no transcurso da feira Liber en Barcelona. Boletín de outono de Unelibros e Unerevistas Seis novidades editoriais da USC (Didáctica y traducción de las unidades fraseológicas; El peso de la nación; Perspectivas críticas para la edición de textos; Microeconomía. Teoría y cuestiones tipo test; e o libro electrónico La expresión pronominal de sujeto) figuran no boletín de outono Unelibros , que a Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE) acaba de poñer en liña para acceso ou descarga. O suplemento dixital Unerevistas , pola súa parte, referencia as revistas da USC Boletín Galego de Literatura, Nova Acta Científica Compostelana-Bioloxía, Revista Galega de Economía e a nova publicación Revista Internacional de Comuncación y Desarrollo. No caso das revistas, as reseñas do boletín permiten unha conexión directa con cada unha delas no Portal dixital de revistas da USC Rev{USC}.
No caso concreto de Unelibros, a publicación recolle ademais unha informe segundo o que o 78% das editoriais universitarias segue filtros de calidade na selección de orixinais. O informe «Calidad y transparencia en las editoriales universitarias», realizado polo grupo de investigación sobre Libro Académico (ÍLIA/EPUC) do CSIC, apunta que “defender a edición universitaria no plano económico ou no da avaliación científica é defender a misión mesma da universidade”. Xunto este traballo, as entregas semestrais de Unelibros e Unerevistas complétanse con diversas achegas entre as que se atopan entrevistas co da CRUE e cun especialista en propiedade intelectual no eido académico, novas sobre o mundo do libro universitario e diversos artigos de opinión.