Skip to main content

O prazo de matrícula nos cursos de idiomas do CLM péchase este venres 26

Nos grupos que aínda existan prazas libres ampliarase o prazo de matrícula ata o 10 de outubro

O Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) pechará este venres 26 o prazo de matrícula nos seus cursos de idiomas, agás no caso dos cursos de español como lingua estranxeira que posúe un calendario propio específico. Finalizado este prazo, aqueles grupos que manteñan prazas libres abrirán un período extraordinario de matrícula ata o próximo 10 de outubro. A principal novidade da oferta de idiomas da USC para este curso vén dada pola ampliación dos cursos semestrais de 40 horas de duración que se celebrarán en Compostela, onde tamén se impartirán cursos de alemán, francés e italiano, ademais doutros programas xa consolidados na súa oferta, como o son os cursos de chinés, danés, lingua de signos, catalán, checo, portugués, ruso e xaponés. A programación de cursos de idiomas de carácter semestral en Lugo mantén para o vindeiro ano académico a oferta de cursos de inglés e portugués. Polo que respecto aos cursos anuais de 80 horas de alemán, francés e inglés a oferta esténdese por igual aos dous campus, coa particularidade de que en Santiago tamén oferta italiano. O Centro de Linguas Modernas da USC, que o vindeiro ano 2015 celebrará o 40 aniversario da súa función como instituto de idiomas, mantén tamén na súa programación académica cursos semestrais de galego para non galegofalantes tanto en Lugo como en Santiago. A oferta académica do CLM da USC completase cun amplo abano de cursos intensivos, semi-intensivos e semestrais de español como lingua estranxeira (ELE), cursos de cultura e literatura e con cursos de preparación para o DELE B2 e C1. Así mesmo, impartirase un curso semi-presencial de preparación para os exames de catalán do Instituto Ramón Llull e a inclusión dun curso de euskera na convocatoria de verán para 2015.

The contents of this page were updated on 09.25.2014.