Skip to main content

campUSCulturae inaugura a exposición ‘Cultura xitana: pasado e presente’

A xornada está organizada coincidindo coa conmemoración do Día Europeo das Linguas e contará coa participación de estudantes de secundaria e estudantado da USC

O proxecto campUSCulturae inaugurará este venres 26, coincidindo co Día Europeo das Linguas, a exposición ‘Cultura xitana: pasado e presente’, un percorrido visual pola historia deste pobo con lingua propia e, segundo os promotores desta iniciativa, exemplo dunha diversidade cultural que atinxe á presenza e interactuación dos xitanos cos distintos pobos europeos cos que entrou en contacto ao longo da historia. A exposición está producida por Studii Romani, organización non gobernamental búlgara que forma parte da rede de institucións vencelladas a campUSCulturae e que está especializada no estudos dos pobos xitanos europeos O acto inaugural presidirao na Biblioteca Internacional da Diversidade Cultura (planta baixa da Biblioteca Xeral) o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira, e participarán ademais a comisaria da exposición, Mirella Decheva; a representante de Studii Romani, Sofiya Zahova; a secretaria en Santiago da Fundación Secretariado Gitano, Ana Isabel Suárez; o mediador cultural de Secretariado Gitano, Luís Giménez Hernández; e o coordinador de campUSCulturae, Xosé A. Neira. Ao acto asistirán tamén estudantes de secundaria de distintos centros de ensino composteláns así como estudantado da USC e contará coa actuación musical do Isaías Salazar Trío. A continuación do acto inaugural, a experta en culturas xitanas, Sofiya Zahova, pronunciará a conferencia ‘Roma Culture: past and present’, que pechará esta xornada. O desenvolvemento desta sesión inaugural representa en opinión dos coordinadores de campUSCulturae unha xornada de celebración intercultural co gallo da presentación no estado español desta exposición que xa se puido admirar anteriormente en Bulgaría, Alemaña, Islandia, Polonia e Portugal, os distintos países con representación na rede de traballo campUSCulturae. Ao longo da vixencia da mostra, aberta ata o próximo 26 de novembro, prevese a organización de visitas guiadas para aqueles grupos que previamente o soliciten na Área de Cultura da USC.

The contents of this page were updated on 09.25.2014.