Skip to main content

Tarxeta Universitaria de Identidade sen esperas

Xosé Pereira (esquerda) e Amador Fraile presentaron o novo sistema. Foto: SERVIMAV-USC
Xosé Pereira (esquerda) e Amador Fraile presentaron o novo sistema. Foto: SERVIMAV-USC
A USC, á vangarda tecnolóxica ao aplicar o novo e complexo sistema de emisión da credencial universitaria

A Universidade de Santiago de Compostela comezou este curso a emitir de maneira instantánea a súa Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI), de maneira que son xa 4.000 as persoas que dende o pasado mes de xullo se fixeron co documento universitario sen esperas de ningún tipo. Ata este ano, o universitario tiña que agardar unha media de sete días para recibir a súa TUI na oficina ou na súa casa, pero co novo sistema a credencial obtense en tempo real durante a matrícula e entrégase en man. Tan só se require unha fotografía dixital do estudante mediante unha tablet e conexión coa base de datos universitaria. Así o sistema, posto en marcha na Universidade de Murcia o pasado ano, facilita a emisión en tres minutos dunha TUI activa. O que a priori pode resultar sinxelo non o é xa que se está a falar dunha innovación moi complexa dende o punto de vista tecnolóxico. A multitude de datos que acubilla esta tarxeta universitaria en chips, código de barras e documento gráfico, agora expedidos no momento, sitúan ás universidades que xa se sumaron a este avance –dez máis en España, sendo a USC a primeira galega- á vangarda tecnolóxica en servizos ofrecidos aos seus usuarios. Esta posición tecnolóxica privilexiada da USC é froito da colaboración dende hai cerca de 15 anos co Banco Santander a través da súa División Global Santander Universidades, que ata o momento expediu para a institución compostelá un total de 159.476 tarxetas, como explicaron esta mañá en rolda de prensa o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, José Pereira Fariña, e o director de Tarxeta Intelixente e Desenvolvemento Comercial de Santander Universidades España, Amador Fraile. A TUI A Tarxeta Universitaria de Identidade é unha plataforma tecnolóxica avanzada de gran versatilidade coa que se pode realizar o préstamo en bibliotecas, pagar o transporte urbano, acceder a edificios universitarios, utilizar como moedeiro nos servizos da USC e mesmo conseguir certificados electrónicos de identidade en módulo criptográfico. O seu chip de contacto permite tamén a sinatura electrónica. Na actualidade existen un total de 41.490 TUI en vigor, a maior parte delas (30.800) pertencentes a estudantes. Neste momento as tarxetas co método instantáneo se lle están expedindo dende xullo aos matriculados en titulacións oficiais neste curso 2014-29015 e ao persoal universitario estable. Banco Santander, a través de la División Global Santander Universidades, emite a Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI) conxuntamente con máis de 270 universidades de doce países, entre as que se atopan 57 universidades españolas. Nestes momentos, máis de 7,2 millóns de universitarios utilizan un carné desenvolvido polo banco en colaboración con cada institución académica.

The contents of this page were updated on 09.25.2014.