Skip to main content

A Fundación USC Deportiva convoca un curso de fotografía da natureza que se desenvolverá en Lugo do 24 ao 31 de outubro

Cartaz anunciador do curso
Cartaz anunciador do curso
A inscrición na actividade, que será impartida polo fotógrafo Andrés Fraga, está aberta na web www.fundacionuscdeportiva.org e ten un custe de 100 euros

A Fundación USC deportiva organizará do 24 ao 31 de outubro no campus de Lugo un curso de fotografía da natureza, a través do que as persoas participantes poderán coñecer as pautas básicas dunha modalidade artística que vai desde a fotografía de paisaxe á de plantas e animais.

O curso, o segundo que organiza a Fundación USC Deportiva en Lugo, será impartido polo fotógrafo e profesor de Fotografía Contemporánea na Facultade de Xornalismo da USC, Andrés Fraga, quen conta cunha dilatada experiencia profesional durante máis de 10 anos, ademais de ter traballado tanto para publicacións nacionais como estranxeiras. As persoas interesadas en participar nesta actividade formativa, para a que se ofrecen un máximo de 15 prazas, poden inscribirse xa na web www.fundacionuscdeportiva.org, na que tamén poden atopar máis información respecto dos contidos incluídos no programa deste curso. O custe da matrícula é de 100 euros e as prazas cubriranse por estrito orden de inscrición. O programa formativo deste curso ten unha duración de 14 horas, distribuídas en tres sesións que se desenvolverán os días 24, 26 e 31 de outubro na aula 21 da Facultade de Formación de Profesorado de Lugo, a excepción da ruta que se fará pola beira dos ríos Miño e Rato. Programa do curso

O curso constará de tres sesións. A primeira delas, a programada o día 24 de outubro, terá un marcado carácter teórico e servirá para revisar as principais técnicas e métodos que empregan os diferentes tipos de fotografía de natureza.

A xornada do 26 de outubro consistirá nunha ruta polas sendas fluviais do Miño e do Rato, durante a que as persoas inscritas neste curso, guiadas por un monitor, poderán tomar imaxes da natureza e poñer en práctica as técnicas explicadas na primeira sesión do curso. Esta nova edición do curso de fotografía da natureza rematará o 31 de outubro cunha sesión na que se visualizarán e porán en común das fotografías realizadas.

The contents of this page were updated on 10.01.2014.