A Estación Científica do Courel celebra o 18 de outubro unha xornada de micoloxía sobre cogomelos comestibles e velenosos
A Estación Científica do Courel, un centro da Universidade de Santiago de Compostela que ten a súa sede en Seoane do Courel, celebrará o vindeiro 18 de outubro unha nova xornada de iniciación a micoloxía, durante a que distintos relatores informarán aos asistentes sobre características, propiedades e diferenciación entre cogomelos comestibles e velenosos.
A xornada, que está aberta tanto á participación de estudantes e demais membros da comunidade universitaria, como ao público en xeral, inclúe ademais das sesións teóricas unha saída ao monte, a partir das 16.00 horas, durante a que as persoas matriculadas poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos para identificar e recoller cogomelos, unha tarefa para a que contarán coa axuda e a supervisión do presidente da Asociación Micolóxica Lucus, julián Alonso Díaz. Esta nova xornada micolóxica comezará ás 9.30 horas cunha sesión inaugural, trala que o profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC Manuel Antonio Rodríguez Guitián ofrecerá un relatorio de iniciación ao mundo da micoloxía. Ao remate da súa intervención, o tamén profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC Juan Luis Fernández Lorenzo falará da ecoloxía e da morfoloxía dos cogomelos. A quenda de relatorios matinais rematará coa intervención, a partir das 12.30 horas, do catedrático da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro Rodríguez, quen informará ás persoas participantes sobre as principais especies comestibles e tóxicas. As persoas interesadas en participar nesta xornada micolóxica, que conta cun número de prazas limitado, aínda poden formalizar a súa inscrición nas propias oficinas da Estación Científica do Courel e tamén a través dos números de teléfono 648 051 928, 600 942 418 ou 982 821 901.