A Unidade de Psicoloxía Forense da USC, á vangarda na investigación pericial

Con dúas probas forenses creadas e empregadas en todo o mundo para os procesos xudiciais e unha revista propia indexada no JCR, a Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago é centro de referencia mundial en transferencia de coñecemento nesa disciplina. O elevado nivel acadado por este grupo e pola psicoloxía xurídica e forense en xeral en España porase de manifesto no VIII Congreso (Inter)nacional de Psicoloxía Xurídica e Forense que entre o 23 e o 25 de outubro próximos reunirá en Santiago aos especialistas máis recoñecidos neste ámbito de orde internacional. “O traballo dun psicólogo forense é outorgarlle certeza xurídica ás probas”, afirma o catedrático de Psicoloxía Xurídica e Forense e director da Unidade, Ramón Arce, que explica que o equipo que lidera ten creadas no contexto da violencia de xénero dúas probas cuxos protocolos son empregados en casos xudiciais de todo o mundo. Por unha banda, crearon unha técnica forense baseada en estudos científicos que a validan para a avaliación forense da pegada psicolóxica cumprindo cos requirimentos xudiciais de establecer unha relación causa-efecto entre os feitos denunciados e a pegada así como un diagnóstico diferencial de simulación. “Sen esta proba moitos casos quedan sen poder demostrar que a denunciante é realmente unha vítima, de xeito que se desestiman xudicialmente” . Arce achega datos: só 1 de cada 5 denunciantes obtén amparo nunha sentenza xudicial, mentres que só en 1 de cada 7 termina na absolución do acusado. “A diferenza entre estas cifras –indica Arce– atopámola nos sobresementos por falta de probas; de aí que sexa fundamental practicar esta técnica de forma automática”. Por outra banda, o equipo da facultade compostelá de Psicoloxía estableceu a proba da credibilidade do testemuño para mulleres que denuncian violencia de xénero e que se basea no cotexo de 31 características de memoria de realidade que permiten soster xudicialmente que o que denuncia son feitos vividos. Revista propia de impacto Ese mesmo grupo edita a revista The European Journal of Psychology Applied to Legal Context (EJPALC) que en 2013 obtivo uns excelentes resultados de impacto no Journal Citation Report (JCR) conseguindo colocarse no cuartil 1 (Q1) no Inmediacy Index e no segundo (Q2) no Impact Factor. A revista creouse en 2009, logrando en tan só 5 anos colocarse entre as máis prestixiosas publicacións científicas do mundo. Como revista oficial da Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense e da Asociación Iberoamericana de Xustiza Terapéutica que é, publica artigos empíricos, estudos teóricos e revisións que abordan temáticas relacionadas coa psicoloxía e a lei. O congreso Por todo isto non é casualidade que sexa o profesor Ramón Arce quen presida o comité organizador do congreso internacional que terá lugar de novo na cidade, dez anos máis tarde logo da súa primeira edición en 2004, da man da Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense. Asemade, o comité científico presídeo o catedrático de Psicoloxía Social da USC, Jorge Sobral Fernández . Entre as cuestións a tratar figuran asuntos tan relevantes como o trastorno mental transitorio e a imputabilidade penal, a prevención da reincidencia, a intervención no medio penitenciario, a psicoloxía da testemuña, o bo trato aos menores, a protección e reforma dos menores en risco, a aplicación da xustiza terapéutica aos procesos de ruptura de parella ou a avaliación psicolóxica de custodias. O evento contará coa participación do responsable do Proxecto de Revisión da Clasificación dos Trastornos Mentais e do Comportamento na CIE-0, do Departamento de Saúde Mental e Abuso de Substancias da OMS, Geoffrey Reed; da profesora de Criminoloxía da Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina) e fundadora do Centro de Atención ás Vítimas de Latinoamérica, Hilda Marchiori; de José Miguel Castillo, portavoz da Comisión de Xustiza no Congreso dos Deputados; da directora da Oficina da Representante Especial do Secretario Xeral de Nacións Unidas sobre Violencia contra Nenas e Nenos, Elda Moreno; ou do director xeral de Relacións coa Administración de Xustiza do Ministerio, Ricardo Gonzalo Conde Díez. O programa científico inclúe, ademais das conferencias, mesas de expertos, comunicacións libres e sesión aplicadas sobre os avances máis recentes, que estarán estruturados en torno a seis eixes fundamentais: Psicoloxía Xurídica do Menor, da Familia, Penitenciaria, Vitimoloxía, Dereito Penal e Dereito Civil. Se ben os eixes coinciden en todas estas citas congresuais, quizais sexa o referido á familia o que máis interese suscita “por ser un tema preocupante de sempre e ao que a sociedade non lle presta a atención que merece, sobre todo no trato á infancia”, matiza Arce. O evento acollerá ademais, como é habitual, a Asemblea da Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense e a entrega de premios a investigadores noveis e do Premio Pedro Mata en recoñecemento á consolidación e achegas á Psicoloxía Xurídica e Forense.