Skip to main content

Especialistas de todo o mundo reúnense esta semana en Santiago no 38º Congreso Europeo de Tiroides

Especialistas de todo o mundo reúnense esta semana en Santiago no 38º Congreso Europeo de Tiroides
Especialistas de todo o mundo reúnense esta semana en Santiago no 38º Congreso Europeo de Tiroides
Tratarán de forma especial o cancro de tiroides, campo no que equipos da USC son referencia mundial

Máis de 1.200 especialistas de 60 países reuniranse entre os vindeiros días 6 e 10 de setembro no Palacio de Congresos de Galicia para asistir ao 38º Congreso Europeo de Tiroides. Na cita científica analizarase a situación actual e expectativas das enfermidades relacionadas coa glándula tiroides, un problema de primeira orde global que preocupa ás autoridades sanitarias pola súa alta prevalencia e que se tenta atallar desde diferentes perspectivas. O encontro, organizado pola Sociedade Europea de Tiroides (ETA), pretende abrir novas vías de estudo e conciliar políticas de actuación, comúns a todos os países europeos, que afectan a abordaxe desta problemática. Os principais temas do programa e datos referidos a patoloxías tiroideas e o seu tratamento foron expostos hoxe en rolda de prensa polos presidentes do comité organizador local, Clara Álvarez e Ignacio Bernabeu, que estiveron acompañados pola vicerreitora de Investigación da USC, Isabel Rodríguez-Moldes; o xerente do Complexo Hospitalario de Santiago, Luis Verde; e o director científico do IDIS, José Castillo. O cancro de tiroides, tema central do congreso, representa o 3,8% do total mundial dos novos casos de cancro, aínda que só é responsable do 0,3 da mortalidade por esta causa, o que reflicte a rapidez na diagnose, os eu bo manexo clínico e cirúrxico e o seu bo prognóstico. Como explicaron os expertos, só do 4 ao 6,5% de todos os nódulos da tiroides (moi frecuente no bocio multinodular) son malignos, a pesar de que o risco de que un nódulo sexa canceroso aumenta nalgunhas circunstancias: nenos, menores de 30 e maiores de 60 anos ou en pacientes previamente irradiados no colo. É ademais o quinto cancro en incidencia en mulleres, ás que afecta tres veces máis que aos homes. Esta enfermidade aumentou moito nos últimos 20 anos en todo o mundo, a un ritmo dun 5,5% anual, unha tendencia que tamén se manifesta na poboación española e galega. O seu tratamento inclúe a cirurxía (tirodectomía total) seguida da administración de iodo radioactivo. Afortunadamente, sinalaron os doutores, o número de mortes non é proporcional á incidencia: a supervivencia aos 5 anos é do 97,8%. Non obstante, sinalaron, este aumento implica a necesidade de destinar máis recursos sanitarios para a súa diagnose e tratamento, a vixilancia de pacientes nos seguintes dez anos e o incremento de casos nos que os tratamentos convencionais non son efectivos. Galicia, referente internacional Pola súa particular alimentación baixa en iodo, a comunidade galega foi especial e historicamente proclive á incidencia de enfermidades derivadas da tiroides. Por esa razón en Galicia existen numerosos grupos básicos e clínicos especializados neste campo que constitúen un referente internacional na investigación de mecanismos de

alteración da tiroides en enfermidades raras como o Síndrome de Pendred (sordeira con bocio) e conta co BANTTIC (Banco de Tecidos Tiroideos en Cultivo), o primeiro mundial que colecciona cultivos de fragmentos de tecido tiroideo a partir de pezas cirúrxicas. Un dos seus obxectivos é deseñar novos tratamentos en cancro a partir de mostras comparadas de tecido non danado con tecido canceroso.

The contents of this page were updated on 09.03.2014.