Skip to main content

Comezou a quinta quenda do Verán CampUSC

Os nenos e nenas divertíronse moito en todas as actividades do Verán CampUSC
Os nenos e nenas divertíronse moito en todas as actividades do Verán CampUSC

Este luns deu comezo a quinta e derradeira quenda do Verán CampUSC 2014. Trátase dun programa deportivo e cultural organizado pola Fundación USC Deportiva dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos de idade concibido para permitir ós pais e nais traballadores da USC conciliar a vida laboral e familiar, aínda que está aberto tamén para a participación do público en xeral. Os participantes na quinta e última quenda do Verán CampUSC poderán gozar de variadas actividades deportivas, de ocio e tempo libre nas instalacións deportivas da USC. Practicarán kung fu, atletismo, deportes de raqueta, esgrima, ioga, psicomotricidade, voleibol, acrosport ou balonmán, ademais de diversos xogos e obradoiros. Realizaranse así mesmo saídas á Área Recreativa de Agronovo e ás piscinas Fontes do Sar. Ademais, os de maior idade achegaranse á práctica do triatlón da man do Clube de Triatlón Arcade Inforhouse. Esta quinta quenda do CampUSC rematará o vindeiro 9 de setembro, coincidindo co día previo ao comezo das clases en educación infantil e primaria. A edición 2014 do Verán CampUSC iniciouse o pasado 23 de xuño e cando remate terán participado neste programa preto de 350 rapaces e rapazas. O programa está organizado pola Fundación USC Deportiva a solicitude da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC. Colaboran o Servizo de Deportes da USC, a Oficina de Igualdade de Xénero e a Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco.

The contents of this page were updated on 09.01.2014.