O Consello Social da Universidade de Santiago financiará axudas para apoiar a continuidade académica de estudantado en situación de dificultades económicas sobrevidas

O Consello Social da Universidade de Santiago financiará unha convocatoria de axudas para estudantado en situación de dificultades económicas sobrevidas que poñan en perigo ou impidan a continuidade dos seus estudos durante o presente curso. As axudas estarán condicionadas ao bo rendemento académico e á situación económica de urxente necesidade derivada de causas sobrevidas ou imprevistas. Deste xeito, o Consello Social cubrirá o importe total ou parcial do pagos dos prezos públicos de matrícula ou doutros servizos da USC necesarios para continuar ou rematar os seus estudos; facilitará a anulación da matrícula por causas sobrevidas sen reclamación de débeda; financiará o importe total ou parcial do aloxamento con carácter provisional nunha residencia da USC durante o presente curso; atenderá aos gastos de desprazamento diario dende o domicilio familiar ao centro de estudos; ou outros gastos de manutención. A convocatoria aprobada considerará como situacións sobrevidas aqueles supostos de desemprego, enfermidade grave ou falecemento dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; falta de pago acreditada de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio; recoñecemento legal da condición de persoa con discapacidade cun grao igual ou superior a un 65% dos sustentadores da familia; ou outras circunstancias que a comisión de valoración estime que afecten gravemente á situación económica familiar e que sexan debidamente xustificadas. Os detalles da convocatoria, no relativo a requisitos xerais, académicos e económicos pódense consultar na web da USC. O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de abril de 2015. A comisión de valoración elevará propostas de resolución parciais nos meses de decembro de 2014, febreiro e xuño de 2015.