A de Santiago é unha das dezaoito universidades españolas máis importantes do mundo, segundo o QS World University Ranking

A de Santiago é unha das dezaoito universidades españolas, xunto coa Escola de Negocios ESADE, incluídas entre as 800 máis importantes do mundo segundo a edición 2014 do QS World University Ranking que acaba de facer públicos os seus últimos resultados e logo de valorar a información procedente de máis de 3.000 universidades do mundo. Esta listaxe compara as principais 800 universidades do mundo prestando atención a catro áreas como son, investigación, ensino, empregabilidade e proxección internacional. No apartado das institucións españolas figuran, ademais da USC, as universidades de Barcelona, Autónoma de Barcelona, Autónoma de Madrid, Complutense, Navarra, Pompeu Fabra, Politécnica de Cataluña, Carlos III, Politécnica de Madrid, Politécnica de Valencia, Granada, Salamanca, Sevilla, Valencia, Zaragoza, Alcalá, Murcia e a ESADE. Ademais da clasificación xeral, esta comparación avalía individualmente ás institucións universitarias en función de cinco áreas de coñecemento. Segundo este criterio, a USC é a 317 do mundo en Artes e Humanidades e ocupa o posto 367 en Ciencias da vida e medicina. Para o seu desenvolvemento, a metodoloxía de análise componse de seis indicadores nos que se presta atención á reputación académica (40% da valoración), reputación entre os empresarios (10%), ratio de estudantes por profesor (20%), citacións por autor (20%), ratio de estudantes internacionais (5%) e profesorado internacional (5%). Dende 2013 esta clasificación baséase nos resultados das enquisas académicas realizadas así como de consultar a opinión dos empregadores globais e os indicadores procedentes da base de datos Scopus. Esta novo resultado colectado pola Universidade de Santiago nun ránking internacional segue a liña sinalada en semanas pasadas cando o ranquing de Shanghai (ARWU) situou á de Compostela entre as 500 universidades máis importantes do mundo.