Skip to main content

Últimos días para apuntarse á xornada sobre transferencia de tecnoloxía e colaboración entre empresas e universidade

Cartel da xornada que se desenvolverá o 23 de abril
Cartel da xornada que se desenvolverá o 23 de abril

Permanece aberto ata este martes 22 o prazo de inscrición para a xornada coloquio ‘ Transferencia de tecnoloxía e mellora das redes de cooperación’, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela e na que participarán representantes de Google e Atos que explicarán as vías de colaboración tecnolóxica entre as súas empresas e centros de investigación e universidades, así como as áreas de interese en materia de I+D para as súas compañías. O Salón de Graos da Facultade de Matemáticas acollerá a cita que se desenvolverá durante todo o día 23 e que está dirixida especificamente para investigadores universitarios. Ás 10.00 horas terá lugar o acto de apertura a cargo do director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde Acuña. Posteriormente presentaranse os resultados de investigación do proxecto POTEP VT sobre vehículos de transferencia tecnolóxico que participaron, ademais da USC outras entidades como a Axencia Galega de Innovación ou a FEUGA. Ás 11.30 horas celebrarase o coloquio sobre colaboración entre empresas e centros de investigación coa participación do experto en dirección de proxectos e desenvolvemento de negocio con experiencia en Google, Telefónica e PSA, Pablo Campos Alonso e a consultora de I+D de ATOS Internacional, Paz Gómez Falcón. Pola tarde, os representantes de Google e Atos reuniranse cos grupos de investigación da USC que o soliciten, para establecer posibles vías de colaboración. Os interesados en participar deben inscribirse no correo josemanuel.rebolo [at] usc.es (josemanuel[dot]rebolo[at]usc[dot]es). Os grupos de investigación que desexen participar na reunión de traballo cos representantes das empresas deberán notificalo na inscrición.

The contents of this page were updated on 04.21.2014.