Pasar al contenido principal

O proxecto de divulgación TodoCosmos levará a astronomía ás rúas

Acompañaron ao director do Observatorio Astronómico representantes dos concellos de Santiago, Ribadeo, Ames e Teo. Foto: Servimav-USC
Acompañaron ao director do Observatorio Astronómico representantes dos concellos de Santiago, Ribadeo, Ames e Teo. Foto: Servimav-USC
É un proxecto do Observatorio Astronómico Ramón María Aller que financia a FECYT e no que colaboran sete concellos galegos

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC acaba de iniciar o programa de divulgación científica TodoCosmos coa pretensión de achegar o mundo da astronomía a todos os recunchos, a través de iniciativas axeitadas ao conxunto da sociedade e a calquera segmento de idade. Como explicou na rolda de prensa o director do Observatorio José Ángel Docobo, este programa tenta facer realidade a idea de Ramón María Aller cando falaba “do libro do ceo aberto para todos e todas”. O programa ‘A Astronomía ao alcance de todos. Colaboración Universidade, Concellos, Organismos Públicos e Empresas’ (TodoCosmos) é un conxunto de actividades financiadas pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) na que colaboran os concellos de Ames, Lalín, Rianxo, Ribadeo, Santiago, Sanxenxo e Teo, ademais da empresa Óptica Val. Así, nos vindeiros meses de 2014 están previstas nestes concellos cursos, obradoiros de telescopios e de reloxos de sol, xornadas escolares, observacións telescópicas e a simple vista, así como visitas guiadas ao Observatorio da USC e aos de Lalín e Ribadeo. Concellos No Concello de Santiago, ademais da xornadas inaugural na Praza do Obradoiro, celebraranse charlas en centros docentes e as correspondientes sesión de observación, ás que hai que sumar as visitas ao Observatorio da USC, visitas nocturnas turísticas e unha xornada de observación pública en Angrois. En Ames están previstas sesións públicas de observación tanto en Bertamiráns como en Milladoiro, ademais dunha sesión astronómica na parroquia de Ameixenda. Tamén se desenvolverán actividades docentes no instituto e en dous colexios do municipio. Similar programación se prevé para o concello de Teo, no que ademais de propostas para os centros de ensino se organizará unha observación pública en Cacheiras e noutras parroquias. Mentres que en Lalín se celebrarán accións mensuais no Observatorio Astronómico, acompañados dunha charla explicativa previa, en Rianxo están programadas sesións públicas na praza de Castelao e nas parroquias de Taragoña, Brión e na Casa da República, así como actividades docentes específicas nos colexios de Taragoña e no Colexio Castelao. En Ribadeo, ademais dun curso de verán, desenvolveranse observacións abertas ao público dende a praza de España, ás que se sumarán actividades específicas en diversas parroquias e en centros docentes. Neste concello tamén se organizarán sesións no observatorio de Santa Cruz e na praia das Catedrais. Sanxenxo acollerá o segundo dos cursos de verán previstos, ademais de xornadas públicas no paseo de Silgar e unha obradoiro de telescopios. A empresa colaboradora, Óptica Val, se encargará da celebración do obradoiro de telescopios e dun curso de astronomía. As persoas interesadas poden acadar máis información na páxinas web do proxecto http://www.usc.es/astro/todocosmos/.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.03.2014.