A mecánica celeste, obxecto de análise nun foro impulsado polo Observatorio Astronómico da USC

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC organiza en Sanxenxo, do 20 ao 22 de xuño, a edición número vinte das xornadas centradas en mecánica celeste, nas que se dan cita os e as principais especialistas en astrodinámica. O evento íase celebrar en 2020 pero tivo que ser adiado por mor da pandemia.
A astrodinámica é a rama matemática da astronomía e abrangue dende a modelización de distintos escenarios presentes no universo, á integración de sistemas dinámicos, optimización de traxectorias, estudo de sistemas perturbados, ou dinámica de n-corpos, entre outros.
O profesor José Ángel Docobo, coordinador do comité organizador e do comité científico, xa promovera a organización en Galicia das edicións dos anos 2005 (Rianxo), 2009 (Lalín), 2014 (Ribadeo), e 2018 (Santiago de Compostela). "É fundamental a organización deste tipo de congresos que, malia non ser multitudinarios, resultan especialmente activos e representan un trampolín para os novos/as investigadores/as e unha grande oportunidade para establecer contactos con figuras moi relevantes deste campo da astronomía”, explica o profesor Docobo. A inscrición é de balde para o alumnado de doutoramento.
As sesións, tanto presenciais como telemáticas, desenvólvense na Sala Nauta de Sanxenxo. A elección desta localidade, como antes das vilas de Rianxo, Lalín e Ribadeo, débese a que elas, entre outras moitas máis, están no circuíto galego onde persoal do Observatorio realiza, dende hai tempo e dentro de distintos programas, sesións divulgativas ao longo dos veráns. O acto inaugural, que tivo lugar este luns 20, contou coa intervención da directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), Rosa Crujeiras; e do concelleiro de Medio Ambiente de Sanxenxo, Juan Deza.