Pasar al contenido principal

Información do laboratorio

Presentación, historia e localización

O grupo de investigación, tradicionalmente chamado de Fisicoquímica de Superficies, nace arredor de 1946 da man do primeiro Catedrático de Técnica Física e Química-Física da Facultade de Farmacia e primeiro tamén do Departamento, Enrique Otero Aenlle, acompañado polos profesores Rafael Cadórniga Carro (quen achegaría a súa visión de químico físico á tecnoloxía farmacéutica, revolucionando esta área ao converterse anos despois en Catedrático de Farmacia Galénica), Serafín García Fernández (profesor adxunto) e, posteriormente, o profesor Pablo Sanz Pedrero, cuxo discípulo José Miñones Trillo artellou e deu vida ao grupo actual e coordinou a súa actividade durante máis de trinta anos.

O ámbito de investigación do grupo foi introducido polo profesor Otero Aenlle, quen aprendeu co profesor Dervichian, no Servizo de Biofísica do Instituto Pasteur (París), a técnica das capas monomoleculares na interface aire/auga (monocapas de Langmuir) como sistemas de estudo de procesos asociados á membrana celular e da interacción de fármacos con estructuras lipídicas. Foi así que, á súa volta a Compostela, iniciou unha liña de estudo de interacción entre ácidos biliares e ácidos graxos, que vería o seu relevo anos despois da man do Profesor Miñones Trillo na investigación de interaccións en modelos do surfactante pulmonar e da membrana celular, ou fármacos con proteínas plasmáticas e con polímeros.

Cos avances científicos da segunda metade do século XX proliferou a investigación nos sistemas coloidais de liberación de fármacos ou drug delivery, que constitúe a día de hoxe unha das nosas liñas principais. Neste sentido, o noso grupo ten traballado na avaliación da encapsulación liposomal de fármacos antifúnxicos e, posteriormente, baixo a dirección da profesora Isabel Sández Macho, de cuxa man se deu a refundación do grupo no ano 2012 como laboratorio de Biomembranas, na optimización da solubilización de fármacos en micelas poliméricas.

Na actualidade, a profesora Matilde Casas coordena o noso grupo, no que continuamos a investigar desde a Fisicoquímica o papel das membranas biolóxicas na terapia farmacolóxica, así como a estudar e optimizar novos sistemas coloidais de liberación de principios activos, enfocados sobre todo a tratamentos de administración local.

Localización

Os nosos laboratorios atópanse nas dependencias do Departamento de Química Física da Facultade de Farmacia:

Biomembranes Lab
Laboratorio de Fisicoquímica
Facultade de Farmacia
Universidade de Santiago de Compostela
Praza do Seminario de Estudos Galegos, s/n
15782 Santiago de Compostela, Galicia (Spain)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.06.2024.