Pasar al contenido principal

A actividade do Campus Terra xerou o ano pasado máis de 75 millóns de euros de produción para a provincia de Lugo

Vista aérea de parte do Campus de Lugo
Vista aérea de parte do Campus de Lugo
O informe sobre ‘O Impacto económico do Campus Terra na provincia de Lugo’ evidencia que por cada 100 euros de gastos directos vinculados a este campus de especialización, xéranse 92 euros adicionais de produción a través dos efectos indirectos e inducidos

O valor total da produción da provincia de Lugo vinculada ao Campus Terra da USC superou, en 2023, os 75 millóns de euros. Esta cifra é unha das principais conclusións do informe titulado ‘O Impacto económico do Campus Terra na provincia de Lugo’ que este venres 29 presentaron, nun encontro cos medios de comunicación que se desenvolveu no Pazo de Montenegro, o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; e o responsable do informe e decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, Roberto Bande.

O documento explica que por cada 100 euros de produción que xeran os gastos vinculados ao Campus Terra de forma directa, xéranse 92 euros adicionais de produción como consecuencia dos efectos indirectos e inducidos na contorna. En concreto, o informe evidencia como deses 75 millóns xerados un 52 % correspóndese co impacto directo (39 millóns de euros), o 21,2 % ao indirecto, é dicir, os cambios na actividade económica que resultan das interaccións de cada sector que recibe gasto directo con outros sectores dentro da provincia (15,9 millóns de euros) e o 26,8 % restante ao efecto inducido, isto é, aumentos da actividade económica xerados a través do consumo por parte dos fogares que perciben rendas salariais procedentes directa e indirectamente dos sectores vinculadas aos gastos do Campus Terra (20,1 millóns).

En termos de mantemento e creación de emprego, o gasto realizado polos distintos axentes vinculados ao Campus Terra xera un impacto de 878 postos de traballo equivalentes a tempo completo, dos que o 64,3 % se corresponde co impacto directo (564), o 13,8 % co indirecto (121) e o 21,9 % co inducido (192). Este resultado tradúcese nun multiplicador de emprego de 1,55, isto é, por cada emprego directo derivado dos gastos directos vinculados aos axentes do Campus Terra, xéranse 0,55 empregos máis a consecuencia dos impactos indirecto e inducido. Porén, engadindo os postos de traballo directos que xera o campus na provincia, o efecto total do Campus Terra sobre o nivel de emprego da provincia é de 1.346, o que representa entre o 0,98 % e o 1,1 % do total provincial en 2023.

Tal e como destacou o vicerreitor Francisco Fraga, este “é un exemplo de como se poden utilizar os fondos públicos para que revertan na sociedade”. Nesta mesma liña, Elvira López Mosquera puxo o foco “nas estatísticas robustas” que nutren este informe fundamental para entender o impacto do Campus Terra entre a cidadanía de Lugo e a súa provincia. Ademais, como lembrou Roberto Bande, este é un estudo pioneiro no contexto galego xa que se trata da primeira vez que se mide o impacto económico dunha universidade galega no territorio no que se atopa inserida. No acto participou a profesora da Facultade de ADE e tamén autora do informe, Diana Fernández Méndez, do grupo de Análise e Modelización Económica. 

Metodoloxía

O obxectivo fundamental deste informe foi recoller as conclusións derivadas da análise do impacto económico que o Campus de Lugo ten no ámbito territorial máis próximo, nomeadamente a provincia de Lugo. “A actividade económica da Universidade de Santiago de Compostela é susceptible de xerar efectos a curto e a longo prazo, derivados do estímulo que supón para o tecido empresarial provincial”, sinala o documento. Non obstante, o impacto económico non está vinculado tan só ao gasto directo realizado pola institución no conxunto de provedores localizados na provincia —ben sexa por pagos a provedores de bens e servizos, subministracións, ou investimentos en infraestruturas—, senón que tamén existe un impacto derivado do gasto realizado por outros axentes económicos asociados á actividade universitaria, fundamentalmente o estudantado e o persoal. Estes gastos non son realizados directamente pola USC pero teñen lugar precisamente pola súa presenza e actividade na cidade.

A información necesaria para os cálculos realizados neste informe ten procedencia diversa. En primeiro lugar, empregouse a información proporcionada pola área de xestión orzamentaria da USC relativa aos gastos realizados dende o Campus de Lugo en provedores da provincia. Por outra banda, para poder calcular o impacto derivado do gasto realizado polos diferentes axentes xeradores (estudantado e persoal) deseñouse unha serie de enquisas para identificar o vector de gasto específico de cada un destes colectivos.

Especialización

O Campus Terra é un campus de especialización, que nace ao abeiro do acordo entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral de Universidades, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, plasmado na acreditación como Campus de Especialización do Sistema Universitario de Galicia por un período de catro anos. O obxectivo fundamental deste proceso é transformar o campus universitario de Lugo nun referente científico e social.

A especialización do campus céntrase no coñecemento vinculado á sustentabilidade económica, social e ambiental do uso da terra dende unha perspectiva interdisciplinaria, ben dende o punto de vista da docencia impartida no campus nas distintas facultades e escolas, ou ben  a través da investigación e a transferencia de coñecemento que se fai ao sector produtivo e á sociedade en xeral e que desenvolven máis de 30 grupos de investigación do Campus, xunto co labor das catro plataformas tecnolóxicas, o CEBIOVET e o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER).
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.11.2024.