Pasar al contenido principal

A Asemblea de Reitores e Reitoras de EUniWell culmina coa celebración do Día de Europa

Foto de familia da sesión que se desenvolveu en Fonseca. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia da sesión que se desenvolveu en Fonseca. FOTO: Santi Alvite
O encontro finalizou cun acto simbólico para destacar os valores europeos que guían esta Alianza europea de universidades

A oitava Asemblea de Reitores e Reitoras da Universidade Europea para o Benestar (EUniWell) culminou no Colexio de Fonseca tras tres días de debates estratéxicos arredor das cuestións máis urxentes ás que se enfronta a ensinanza superior nun contexto marcado pola incerteza global. O reitor da USC, Antonio López Díaz, agradeceu a todas as universidades membro da Alianza e ás institucións asociadas “a súa activa participación e as súa firme determinación para construír conxuntamente solucións sostibles, inclusivas e transformadoras a prol do benestar”.  

Na sesión aberta que se desenvolveu este mércores, os/as reitores/as e representantes institucionais das 11 universidades participantes conversaron sobre como salvagardar a liberdade académica, xestionar a crecente importancia da seguridade na investigación nunca época marcada pola intelixencia artificial e aproveitar plenamente a colaboración dentro e fóra da Alianza. Durante este encontro, destacou a activa participación do Student Board de EUniWell: “xuntos podemos seguir avanzando no noso compromiso de promover o benestar e a inclusión do estudantado dentro da Alianza, pero tamén fóra desta”, sinalou Sarah Bermann, directora de Asuntos Estudantís de EUniWell.

Nesta Asemblea, o EUniWell Board e os reitores e reitoras das universidades membro do Consorcio decidiron formular unha declaración conxunta sobre a liberdade académica. Beatrix Busse, directora de Desenvolvemento de EUniWell, afirmou que “esta non é só unha preocupación do ámbito académico. É un valor europeo, un principio democrático e unha base irrenunciable para o noso benestar”.

Día de Europa 

O acto de clausura estivo marcado pola celebración anticipada do Día de Europa, cun acto simbólico co propósito de poñer en valor as raíces e os valores europeos da Alianza. “Quixemos que o estudantado fose o auténtico protagonista deste evento e o mellor embaixador da idea de Europa”, sinalou o reitor da USC. Seis estudantes de Erasmus e/ou SICUE procedentes de universidades da Alianza e unha estudante da propia USC leron o Preámbulo do Tratado da Unión Europea nas linguas dos seus territorios de orixe.

Como colofón final, os representantes das distintas universidades que integran EUniWell realizaron unha andaina simbólica dos últimos cinco quilómetros do Camiño de Santiago, dende o Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro. Unha camiñada que pon en valor o patrimonio de Galicia e reforza a mensaxe de unión, cooperación e benestar da oitava Asemblea de Reitores e Reitoras.

 

Seis estudantes de Erasmus e/ou SICUE procedentes de universidades da Alianza e unha estudante da propia USC leron o Preámbulo do Tratado da Unión Europea. FOTO: Santi Alvite
Seis estudantes de Erasmus e/ou SICUE procedentes de universidades da Alianza e unha estudante da propia USC leron o Preámbulo do Tratado da Unión Europea. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.05.2025.