Pasar al contenido principal

O impulso innovador do Campus Terra, á cabeza do emprendemento universitario

Imaxe de arquivo das persoas integrantes do USC Lugo Space
Imaxe de arquivo das persoas integrantes do USC Lugo Space
O USC Lugo Space acaba de obter o terceiro posto a nivel internacional e o primeiro chanzo a nivel estatal no programa Santander X Explorer, e o USC Santiago Space situouse décimo a nivel internacional e quinto de España
Lugo, Santiago de Compostela

O equipo do USC Lugo Space acaba de obter o terceiro posto a nivel internacional e o primeiro posto entre os centros españois no ránking da primeira edición de 2025 do programa Santander X Explorer, unha plataforma de referencia no impulso á mocidade emprendedora universitaria de todo o mundo. Pola súa banda, o centro USC Santiago Space, tamén destacou a nivel internacional alcanzando a décima posición e ficando quinto a nivel estatal. Este resultado evidencia o compromiso sostido da USC coa innovación e a formación práctica en creación de proxectos con impacto real.

Impulsado polo Banco Santander a través da plataforma Santander X, o programa Explorer está deseñado para apoiar a mocidade universitaria ou acabada de graduar para poñer en marcha solucións innovadoras vinculadas aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas. Ao longo de doce semanas, as persoas participantes traballan no desenvolvemento de ideas emprendedoras, reciben formación intensiva, mentoría e acceden a unha comunidade global de apoio.

Cada entrega do programa representa un avance na evolución do proxecto, e as universidades que albergan os distintos Spaces son avaliadas en función do progreso e a calidade do traballo dos seus participantes. Na última actualización do ránking do programa, o USC Lugo Space demostrou un rendemento sobresaínte que o situou por diante de máis de 200 universidades participantes de Iberoamérica e Europa. O programa finalizará a nivel local coa exposición de proxectos no Demo Day, que terá lugar na primeira quincena de xuño e que permitirá seleccionar aos tres mellores proxectos do centro.

Traxectoria consolidada

O Lugo Space, coordinado desde a área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e que recibe apoio do Campus de Especialización Campus Terra, leva anos consolidando unha comunidade activa de mocidade innovadora, mentoría especializada e axentes do ecosistema emprendedor galego. Dende os seus inicios, foi unha referencia no ámbito estatal polo seu enfoque multidisciplinar, a súa conexión cos sectores estratéxicos do territorio —como a biotecnoloxía, a sustentabilidade agroforestal e a economía circular— e a súa firme aposta pola transferencia de coñecemento dende a Universidade á sociedade.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.05.2025.