TodoCosmos, astronomía para todos os públicos

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC organiza, en colaboración con 12 concellos galegos e co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), a segunda edición de TodoCosmos, unha actividade de divulgación astronómica a desenvolver durante todo o ano en Galicia. Se na convocatoria de 2014 participaron os concellos de Ames, Lalín, Rianxo, Ribadeo, Santiago, Sanxenxo e Teo así como a empresa Optica Val, este ano súmanse os de Noia, Ordes, Oroso, Padrón e Vedra aínda que tamén se atenden peticións puntuais doutros concellos e entidades interesadas. En todos eles haberá unha programación continua, condicionada polas condicións climatolóxicas, con sesións de observacións, visitas, charlas e seminarios para todos os públicos e lugares. Tamén grazas a este programa se reeditou a obra de Ramón María Aller Astronomía a simple vista e outro material didáctico como a versión en inglés do vídeo ‘ Ramón María Aller, astrónomo’. As actividades máis inmediatas, aproveitando as actuais condicións meteorolóxicas, son sesións de observación nocturna este xoves ás 20.30 na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, o venres 6 no Observatorio de Lalín ás 20.30 e o sábado 7 no Paseo Fluvial de Bertamiráns ás 20:00 horas. Os encargados de poñer en marcha este programa, coordinado polo director do Observatorio da USC, José Ángel Docobo, serán Pedro Pablo Campo, José Ramón González Romay e Jorge Gómez Crespo.