Pasar al contenido principal

TodoCosmos desenvolverá na praza Roxa de Santiago dúas sesións de observación astronómica

TodoCosmos desenvolverá na praza Roxa de Santiago dúas sesións de observación astronómica
TodoCosmos desenvolverá na praza Roxa de Santiago dúas sesións de observación astronómica

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller organizará este mércores 1 de outubro e o xoves 2, a partir das 21.00 horas, sesións de observación astronómica na praza Roxa de Compostela dentro das actividades do proxecto de divulgación TodoCosmos. Monitores do Observatorio universitario informarán ás persoas que se acheguen das características dos obxectos a observar así como doutras cuestións de interese relacionadas coa astronomía en xeral. TodoCosmos é un proxecto do OARMA que financia a FECYT e no que colaboran sete concellos galegos. A súa pretensión é achegar o mundo da astronomía a todos os recunchos, a través de iniciativas axeitadas ao conxunto da sociedade e a calquera segmento de idade. Xunto á xornada organizada en Compostela, este mesmo martes 30 de setembro está prevista outra no Observatorio de Lalín a partir das 21.00 horas. Ademais, ao longo de toda esta semana están previstas outras iniciativas como o curso de iniciación á astronomía que se vai comezar no concello de Ames e que se celebrará os días 2, 7, 9, 14 e 16 de outubro. O venres próximo está prevista unha sesión pública de observación no aparcamento do cemiterio de Cacheiras (Teo) que comezará ás 21.00 horas e o sábado 4 outra en Remourelle (Ribadeo9), á mesma hora. TodoCosmos

O programa ‘A Astronomía ao alcance de todos. Colaboración Universidade, Concellos, Organismos Públicos e Empresas’ (TodoCosmos) é un conxunto de actividades financiadas pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) na que colaboran os concellos de Ames, Lalín, Rianxo, Ribadeo, Santiago, Sanxenxo e Teo, ademais da empresa Óptica Val. Entre as iniciativas a desenvolver nos distintos concellos implicados atópanse cursos, obradoiros de telescopios e de reloxos de sol, xornadas escolares, observacións telescópicas e a simple vista, así como visitas guiadas ao Observatorio da USC e aos de Lalín e Ribadeo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.09.2014.