Ir o contido principal

Misión, visión e obxectivos

Campus Vida aspira a converterse nun Biocampus de referencia internacional na docencia, a investigación, a transferencia e a creación sostible de riqueza, equidade e valores sociais.

Misión

Campus Vida aspira a converterse nun Biocampus de referencia internacional na docencia, a investigación, a transferencia e a creación sostible de riqueza, equidade e valores sociais.

Visión

A través dunha eficiente integración co seu entorno social e económico, e o desenvolvemento dunha gobernanza transparente e equilibrada entre a excelencia académica e os intereses sociais, CAMPUS VIDA promoverá unha especialización eficiente das súas capacidades docentes e investigadoras en Ciencias da Vida para conformar un novo modelo de crecemento económico e social sustentable baseado no talento, a innovación e a converxencia cos mellores ecosistemas de coñecemento a nivel global.

Obxectivos

1. Desenvolver, captar e mobilizar talento excelente

CAMPUS VIDA aposta pola innovación na docencia, con novas formas de educar para xerar e mobilizar talento de excelencia, optimizando os indicadores de eficiencia académica dos graduados en Ciencia e Tecnoloxías da Vida das tres Universidades galegas.

2. Realizar investigación traslacional e orientada á innovación

CAMPUS VIDA aposta estratéxicamente por conciliar a excelencia científica e o impacto social e económico da súa actividade investigadora, desenvolvendo un biocluster proactivo e aberto, capaz de integrar investigación e valorización do coñecemento.

3. Internacionalizar Campus Vida formando investigadores e profesionais

CAMPUS VIDA integra unha estrutura académica especializada e unha Rede de Centros de Investigación de excelencia que achegan unha capacidade docente de gran solvencia. A partir dela conformarase unha Escola de Doutoramento Internacional de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde (Biomedical Sciences and Health Technologies Doutoral School) dotada dunha oferta integrada e interdisciplinar de referencia e en inglés. Esta Escola Internacional actuará como polo de atracción e mobilidade de estudantes, profesores, investigadores e profesionais relacionados coas Ciencias da Vida e, especialmente, desenvolverá as condicións máis favorables para a formación e traballo dos mozos investigadores.

4. Crear emprego, empresas e emprendedores

CAMPUS VIDA recolle a solvente experiencia da USC como Universidade Emprendedora, que a consolida como unha institución referente, fortemente relacionada co seu entorno e decisiva nos procesos económicos e sociais de Galicia. Desde esta experiencia, CAMPUS VIDA deseña un entorno físico e funcional que dá soporte a redes sociais e económicas con intereses compartidos. Redes que conforman un dinámico ecosistema no que se fusionan valores académicos, sociais e empresariais, e no que se desenvolven estruturas que facilitan a xeración de emprego altamente cualificado, e a xestión tanto da valorización de ideas innovadoras, como do risco financeiro para a súa transformación en novas empresas e servizos.

5. Desenvolver a Univercidade como compromiso co crecemento económico e o desenvolvemento sostible

CAMPUS VIDA, armonicamente integrado nunha cidade Patrimonio da Humanidade, concibe a convivencia e o urbanismo como unha ágora de espazos do coñecemento, promovendo a vida universitaria con instalacións e servizos pensados para a atracción internacional de estudantes e investigadores de excelencia. O binomio USC, Universidade fundada en 1495, e a cidade de Santiago de Compostela, berce de Europa e meta de peregrinos, conforman un entorno internacional excepcional no que desenvolver e consolidar redes sociais e económicas que xeren riqueza e calidade de vida a través da integración dos ámbitos docente, investigador e empresarial.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.10.2023.