Ir o contido principal

Exposición

Inauguración de 'Concepción Arenal. A conciencia da razón'

24.09.2020 | 20.00h

Salón Nobre

A exposición, organizada en sete bloques temáticos, pretende reflectir non só a vida e a obra de Arenal, senón tamén o ambiente histórico no que viviu e o legado que deixou o seu pensamento

Cartel da exposición
Cartel da exposición

A Exposición 'Concepción Arenal. A conciencia da razón', concibese como o acto central da homenaxe que a USC rende á pensadora ferrolá con motivo do Bicentenario do seu nacemento que se conmemora neste ano 2020. Organizado pola Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Servizos, dirixida por Mar Lorenzo Moledo, e comisariada pola Catedrática de Dereito Civil, Mª Paz García Rubio e o Director da Biblioteca Concepción Arenal, Francisco Méndez García, pretende reflectir non só a vida e a obra de Arenal, senón tamén o ambiente histórico no que viviu e o legado que deixou o seu pensamento. 

Tras o acto de inauguración, a exposición estará aberta ao público do 25 de setembro ao 7 de novembro na Sala de Exposicións do Colexio de Fonseca e poderá ser visitada de luns a sábado de 11 a 14 h e de 17 a 20.30 h.

A maioría dos libros e documentos son obras orixinais da pensadora que forman parte da colección da USC e que abarcan practicamente todos os títulos publicados durante a súa vida. Os libros, documentos e obxectos restantes proceden de entidades e particulares, destacando as achegas do Museo de Pontevedra, a Real Academia Galega, os Arquivos do Reino de Galicia, os Arquivos Provinciais de Lugo, os Arquivos dos Protocolos Municipais de Madrid, a Biblioteca Municipal de Galicia, a Galiciana, a Fundación Camilo José Cela, a Fundación Penzol, a Deputación de Ourense, o Museo do Pobo Galego, D. Guillermo Escrigas e D. Federico Cantero.

Están presentes en formatos dixitais pezas orixinais de diferentes institucións madrileñas grazas á desinteresada colaboración de seus depositarios, entre os que compre mencionar á Fundación Fernando de Castro, que incluso doou algunha peza á USC, ao Centro de Documentación da Cruz Vermella, á Casa da Vila de Madrid e á Fundación Lázaro Galdiano na que recentemente se atoparon cartas inéditas de Concepción Arenal e que agora se exhiben por primeira vez.

Con esta exposición e o resto de eventos que ao longo do ano estanse a levar a cabo en homenaxe a Concepción Arenal, a USC quere contribuír ao mellor coñecemento da súa figura, á difusión do seu legado e á custodia da memoria do que probablemente sexa a pensadora galega máis universal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.10.2020.