O Consello do Estudantado lanza a terceira edición das súas xornadas para facilitar a integración activa na vida universitaria

A terceira edición das Xornadas de Convivencia e Formación Universitaria, unha actividade que organiza o Consello do Estudantado para facilitar a integración e formación como parte activa da vida universitaria, terán lugar o 14 de outubro en Lugo e o día 22 dese mes en Santiago de Compostela. As xornadas están especialmente pensadas para persoas de primeiro e segundo curso, pero están abertas a todo o estudantado da USC, xa que os contidos e actividades poden resultar proveitosos para calquera persoa interesada en coñecer mellor a universidade. A inscrición pode formalizarse a través dun formulario en liña.
Ao longo de dous días desenvolveranse charlas, obradoiros prácticos, formacións e dinámicas participativas arredor de temas clave como os dereitos do estudantado, a participación universitaria, a saúde mental, os primeiros auxilios, a carreira investigadora, as habilidades comunicativas, os recursos para o estudo e moitos outros contidos de interese. Ademais, contarase coa colaboración de diversas asociacións universitarias.
Dende o Consello do Estudantado, destacan que durante as xornadas as faltas de asistencia a clase estarán xustificadas. Ademais, entregarase certificado de participación e o desprazamento e a comida de ambos os días estarán cubertos. A participación implica a obtención de 1 crédito ECTS.