Introdución
Nesta materia preténdese achegar ao alumnado a un coñecemento global do proceso de conformación de Europa como unha realidade socio-política e un espazo de civilización, centrándose na definición inicial entre os anos 400 e 1500 como un marco social e cultural estruturado arredor do cristianismo e o feudalismo. Buscarase ofertar unha visión sintética, razoada e multicausal, que integre elementos políticos, económicos, sociais e culturais nun contexto de comprensión global dos procesos históricos pasados e da súa plasmación no presente.
Obxectivos
- Ofertar ó alumno/a unha visión panorámica do proceso de formación histórica de Europa na época medieval, cunha especial incidencia na formación das tres grandes áreas culturais do mundo mediterráneo (Occidente, Bizancio, Islam) e a súa mutua interrelación, entre os séculos V e X.
- Achegar ao alumnado á comprensión do proceso histórico polo que, entre os séculos XI e XIII, se artella a primeira civilización europea propiamente dita, arredor dos eixes Feudalismo e Cristianismo.
- Permitir a comprensión do proceso histórico polo que esta primeira formación europea entra en crise nos séculos XIV e XV e se reformula baixo de novos presupostos.
Competencia
- Capacidade de análise e síntese das diversas fontes de coñecemento da realidade histórica.
- Recoñecemento da diversidade e a multiculturalidade e o compromiso ético a través do descubrimento do ser humano como suxeito da Historia.
Contidos
A crise da Romanidade e a transición cara a un novo modelo social fundamentado no predominio das relacións privadas sobre das institucionais nas esferas económica, social e política. A identificación da sociedade coa cristiandade nos campos da moral e a cultura. As áreas de civilización árabe-islámica e bizantino-ortodoxa e a súa relación con Occidente. A construción dunha idea de Europa arredor do feudalismo, as monarquías nacionais e a Igrexa católica. A crise do modelo feudal e a evolución cara á sociedade moderna.
Metodoloxía
A docencia consistirá nunha exposición introdutoria polo profesor das grandes liñas de cada apartado para logo abrir paso a un debate en grupo que procure poñer en relación o legado do pasado coas realidades sociais, políticas e culturais actuais.
Os contidos expostos na aula se complementarán a través do Campus Virtual con materiais complementarios (mapas, vídeos, animacións etc.).
Sistema de avaliación
Avaliación continua baseada na asistencia e participación nas clases presenciais, a aportación ós debates en grupo en aula e ás actividades extra-aulares e o proceso de aprendizaxe persoal do alumno.
Bibliografía básica
Manuais recomendables:
- ÁLVAREZ PALENZUELA, Vicente et al. (2002): Historia Universal de la Edad Media. Barcelona: Ariel.
- BARTLETT, Robert (2003): La formación de Europa: conquista,colonización y cambio cultural, 950-1350. Valencia: Universitat de Valencia.
- CHARPENTIER, Jean e LEBRUN, François (Eds.) (1998): Breve Historia de Europa. Madrid: Alianza.
- GARCÍA DE CORTÁZAR. José Ángel e SESMA, José Ángel (2008): Manual de Historia Medieval. Madrid,: Alianza Editorial.
- MITRE, Emilio (1995): Historia de la Edad Media en Occidente. Madrid: Cátedra.
- NIETO SORIA, José Manuel (2016): Europa en la Edad Media. Madrid: Akal.
- NOVOA, Feliciano e VILLALBA, Javier (2012): Historia de Europa a través de sus documentos. Barcelona: Lunwerg.
- WICKHAM, Chris (2017): Europa en la Edad Media: una nueva interpretación. Barcelona: Crítica.
Outras obras de consulta:
- KINDER, Herman e HILGEMANN, Werner (2006): Atlas histórico mundial (I). Madrid. Istmo.
- MACKAY, Angus e DITCHBURN, David (Eds.) (2011): Atlas de Europa Medieval. Madrid: Cátedra.
- VV.AA. (1994): Atlas "The Times" de Historia de la Humanidad. Barcelona: GSC.