Ir o contido principal

Xeografía de Galicia

Docente da USC: Raúl Soutelo Vázquez

Nº de créditos: 3

Introdución

A rexión, en sentido estrito, é a escala privilexiada para a análise xeográfica, tanto pola extensión como pola proximidade das persoas que participan nese proceso reflexivo dado que as relacións entre as sociedades humanas e o territorio son complexas, selectivas e teñen, sempre, un referente espacial concreto de microescala. Por iso acadaron importancia nas análises xeográficas as representacións simbólicas, máis ou menos ideoloxizadas, da localidade, a comarca (bisbarra, contorna), e a rexión organizadas administrativamente en provincias e, máis recentemente, na comunidade autónoma.

Doutra banda, os procesos sociais e económicos que configuran a dinámica territorial son fortes e gozan de certa autonomía: a división do traballo, a especialización en actividades económicas respecto a territorios diferentes ao galego, a organización do sistema urbano específico, a polarización e planificación territorial son percibidos con claridade no caso do alumnado de IV.º Ciclo, porque estas persoas viviron e percibiron uns procesos de cambio sobre os que poden reflexionar. Isto último reforza o valor desta materia para enxergar a escala local e a rexional combinando metodoloxías de análise cuantitativo coas de observación cualitativa baseadas na esculca da contorna.

Obxectivos de aprendizaxe do alumnado

  • Explicar e comprender a realidade xeográfica de Galicia como un espazo dinámico, que é resultado da interacción de procesos socioeconómicos e culturais que actuaron sobre un marco natural e histórico.
  • Comprender a realidade histórica de Galicia, valorando os procesos que permiten identificala como un territorio diferenciado en España.
  • Analizar a función do medio natural, dos recursos naturais e das actividades produtivas na configuración do espazo xeográfico galego, valorando a vulnerabilidade e o grao de deterioración do medio ambiente e tomando conciencia da necesidade de coñecer antes de actuar, para manter o equilibrio entre a natureza e as sociedades humanas.
  • Identificar e interpretar a poboación como recurso, identificando as características demográficas actuais, as diferenzas territoriais e as perspectivas de futuro.
  • Coñecer as repercusións económicas, sociais e ambientais que tivo sobre Galicia a integración na Unión Europea.

Competencias que desenvolverá o alumnado

  • Analizar e comentar fontes e documentos cartográficos, estatísticos, literarios e xornalísticos en soporte material e virtual.
  • Aplicar métodos sistemáticos na análise e interpretación de feitos e procesos xeográficos.
  • Interpretar as paisaxes galegas usando as saídas ao campo como fonte de información e oportunidade para aplicar o principio de observación directa.
  • Valorar as paisaxes culturais conformadas polo patrimonio natural e social de Galicia.
  • Adoptar actitudes proactivas ante os problemas medioambientais e sociais da poboación galega.

Contidos

I. Introdución: Obxectos de estudo e instrumentos da Xeografía: conceptos e gráficas.

II. O MEDIO NATURAL: ESTRUTURA, DINÁMICA E MEDIO AMBIENTE

2.1. As diversidades xeolóxica, morfolóxica, climática, hídrica e bioxeográfica.

2.2. As unidades morfoestruturais.

2.3. Natureza e recursos en Galicia: materias primas, fontes e recursos enerxéticos.

2.4. Territorio e paisaxe.

2.5. Medio ambiente nos espazos naturais galegos: conservación e impactos.

III. OS RECURSOS HUMANOS E A ORGANIZACIÓN DO POBOAMENTO.

3.1. As claves da evolución demográfica de Galicia: envellecemento e migracións.

3.2. Os sistemas intra e interurbano: a peculiaridade da rede urbana de Galicia.

IV. O ESPAZO XEOGRÁFICO NAS ACTIVIDADES ECONÓMICAS.

4.1. Espazo e aproveitamento do sector agropecuario: Transformación e problemática do espazo rural galego e a reconversión da actividade pesqueira.

4.2. Espazos e actividades industriais.

4.3. A crise da planificación indutiva e a realidade actual da industria en Galicia.

4.4. Un espazo dos servizos: o proceso de terciarización da economía galega.

4.5. Transportes e comunicacións como elementos de organización territorial.

4.6. Turismo e lecer: impacto espacial e medioambiental.

V. A NOSA CONTORNA: SANTIAGO DE COMPOSTELA.

6.1. Análise empírica das características físicas da contorna de Santiago de Compostela.

6.2. A poboación compostelá e as súas actividades económicas.

6.3. Unha cidade administrativa e de servizos cunha forte pegada do turismo.

Metodoloxía

Os bloques temáticos traballaranse combinando exposicións do profesor e tarefas interactivas baseadas no traballo persoal e grupal do alumnado cos recursos recomendados nas sesións presenciais e na aula virtual creada a tal efecto polo profesor encargado da materia.

Proponse, como actividade academicamente dirixida, a elaboración dun traballo sobre a realidade socioeconómica da contorna para analizar os cambios producidos durante o século XX. A tal fin, o alumnado recollerá información en fontes primarias e secundarias (bibliográficas e hemerográficas, na Rede) para analizala, representala e interpretala. Deste xeito coñecerá diferentes sistemas de tratamento de información e metodoloxías de análise social, incluída a reflexión sobre as consecuencias ambientais das actividades humanas.

Recomendaráselles a asistencia a conferencias e exposicións celebradas en Santiago de Compostela que complementen os contidos do curso e proporanse saídas didácticas adaptadas aos intereses do alumnado e posibilidades organizativas da USC.

Sistema de avaliación

Combinará diferentes instrumentos e procedementos de avaliación da mellora no nivel de coñecementos do alumnado e da eficacia da metodoloxía de ensino e aprendizaxe utilizada co obxectivo último de revisar os apartados nos que o rendemento do alumnado non acadase os obxectivos inicialmente fixados.

As producións escritas do alumnado suporán o 70% da cualificación final individual na materia. Consistirán na realización de tarefas prácticas aplicando os contidos da materia dispoñibles no curso virtual da mesma e na elaboración dun traballo monográfico sobre un tema directamente vencellado coa Xeografía de Galicia.

Esta cualificación completarase coa valoración da asistencia regular do alumnado ás sesións presenciais e da súa participación proactiva nelas e nas saídas didácticas (30%).

Bibliografía básica

ALDREY VA´ZQUEZ, J.A. e LOIS GONZÁLEZ, R. C. (2010): Breve Xeografía de Galicia. Vigo: A Nosa Terra.

SANTOS SOLLA, X. M. e PIÑEIRA MARTIÑÁN, M. J. (Coords.) (2011): Xeografía de Galicia. Vigo: Vigo.

 

Bibliografía complementaria

PÉREZ LUGÍN, A. (2008): La casa de la Troya. Santiago de Compostela: USC.

OTERO PEDRAYO, R. (1980): Guía de Galicia. Vigo: Galaxia.

PÉREZ ALBERTI, A. (Dir.) (1993): Xeografía de Galicia. Gran Enciclopedia Galega.

TORRES LUNA, M.ª P. (Dir.) (1986): Geografía de Galicia. A Coruña: Xuntanza. 3 vols.

VV.AA. (1996): A Xeografía. A Coruña: Hércules Eds. 7 vols.

 

Bibliografía para pescudas de microescala

CARRÉ ALDAO, E. (1930): «Provincia de La Coruña», in F. Carreras y Candí (Dir.): Geografía General del Reino de Galicia, Barcelona. Vol. X. Ed. facismilar. A Coruña: Ediciones Gallegas S.A.  Edición orixinal:  Barcelona: Casa Editorial Alberto Martín. Vol VII. Tomo III.

MADOZ, P., (1984 e 1986 [1845]): Diccionario Geográfico y Estadístico de España y sus posesiones de Ultramar. Edición facsimilar. A Coruña: Ed. Breogán.

 

Recursos básicos na Rede para pescudas de microescala

Anuario General de España Bailly Bailliere y Riera Reunidos para os anos 1900 a 1950.

Sitio virtual oficial do Instituto Galego de Estatística: IGE.

Sitio virtual oficial do Instituto Nacional de Estadística: INE.

Sitio virtual de Buxa para localizar patrimonio industrial a escala local e comarcal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.07.2023.