Ir o contido principal

Xeografía do Mundo

Docente da USC: Francisco Javier López González

N.º de créditos: 3

Introdución

Descubrir o mundo que nos rodea, os continentes, os océanos, os distintos países, a súa riqueza, a súa cultura, a súa descrición física…, foi sempre unha inquietude do ser humano. De feito, o propio ser humano chegou ata os confíns da Terra para facela súa e coñecer todos os seus recunchos e misterios.

Neste contexto, ofrécese esta materia do IV Ciclo no Campus de Lugo, que pode ser atractiva para o alumnado ao propoñer un percorrido polo mundo en clave xeográfica, non exento de cuestións científicas, pero tamén divulgativas e de carácter popular. Trátase en definitiva de viaxar polo mundo, o máis lonxano e o máis cercano, fixándonos no máis sobresaínte que nos podemos atopar en cada rexión do planeta. Os seus contidos farán unha incursión nas Xeografías Política, Física e Humana mundiais, e tamén en certa medida na Económica, de arriba abaixo, é dicir, comezando polo conxunto do planeta e indo logo ao noso contexto europeo e español máis próximo, para rematar cunha descrición máis detallada da Xeografía de Galicia. Todo isto, adaptado ao tempo dispoñible para a súa impartición e aos intereses e aptitudes dos alumnos do Programa.

Obxectivos

Conseguir que o alumnado acade unha certa visión xeográfica do Mundo actual no seu conxunto, e de España e Galicia en particular, que lle axude a coñecer mellor a súa contorna, tanto o máis inmediato como o máis remoto. Farase unha análise a grandes rasgos das súas características físicas, humanas e económicas, salientando aqueles aspectos máis chamativos de cada rexión, e que máis interese poidan ter para o alumnado.

Contidos

  1. O planeta Terra.
  2. Os continentes e os océanos.
  3. O continente americano, o dos grandes contrastes.
  4. Asia e os países emerxentes.
  5. África: o continente esquecido.
  6. Oceanía: o continente insular.
  7. Europa: a Unión Europea, os pequenos estados e os países do Leste.
  8. A España das autonomías.
  9. Xeografía de Galicia:
    1. Os seus ríos e montañas.
    2. A súa distribución territorial.
    3. A súa poboación.
    4. A súa economía.

Metodoloxía

Ao longo das horas de clase iranse explicando os contidos da materia, empregando habitualmente material audiovisual de apoio. Propoñeranse debates e exercicios prácticos que permitan unha maior comprensión destes contidos e a participación do alumnado na clase. Se os recursos e as condicións o permiten, farase tamén unha saída ao campo cara ao final do curso para descubrir e analizar algunhas compoñentes importantes da Xeografía de Galicia, tanto Humana como Física.

Sistema de avaliación

Con carácter voluntario, o alumnado poderá facer un pequeno traballo relacionado con algún dos temas tratados no desenvolvemento da materia, individualmente ou en grupo. De facerse, a sua avaliación terá un peso do 30% na nota final. Farase tamén un test ao final do curso para avaliar os coñecementos adquiridos por parte do alumnado, cunha corrección posterior na clase para facer fincapé naqueles aspectos máis importantes e para despexar as dúbidas que puideran aparecer na súa realización. Esta proba terá un peso na nota final do 70% (ou do 40% no caso de facerse o traballo de curso).
O 30% restante o aportará a asistencia regular e a participación activa no desenvolvemento da materia.

Bibliografía básica

  • AZCÁRATE, Mª V.; SÁNCHEZ, J. (2013): Geografía de Europa. Madrid: UNED.
  • AZCÁRATE, B.; AZCÁRATE, Mª.V.; SÁNCHEZ, J. (2009): Grandes espacios geográficos. Subdesarrollo y países emergentes. Madrid: UNED.
  • CARRASCAL GALINDO, I. E. (2007): Metodología para el análisis e interpretación de los mapas. México DF.: Instituto de Geografía UNAM.
  • CEBRIÁN ABELLÁN, A. (Coord.) (2001): Geografía de Iberoamérica. Albacete: Moralea.
  • ESTÉBANEZ, J. (1982): Tendencias y problemática actual de la geografía. Madrid: Cincel.
  • FRANCO ALIAGA, T. (2010): Geografía de España (Física Humana y Económica). Madrid: Proyectos Córydon.
  • KING, C. A. M. (1984): Geografía Física. Barcelona: Oikos Tau.
  • LOIS GONZÁLEZ, R. C.; e ALDREY VÁZQUEZ, J. A. (2010).: Breve Xeografía de Galicia. Vigo: A Nosa Terra.
  • MENDEZ, R. e MOLINERO, F. (1998): Espacios y Sociedades. Introducción a la geografía regional del mundo. Barcelona. 6.ª ed. revisada.
  • NATIONAL GEOGRAPHIC (2007): Gran Atlas del Mundo. Barcelona: RBA Libros, S.A.
  • REVERTE, J. (2002): Los caminos perdidos de África. Barcelona: Random House Mondadari.
  • REVERTE, J. (1996): El sueño de África: en busca de los mitos blancos del continente negro. Madrid: Anaya & Mario Muchnik.
  • ROMERO, J. (Coord.) (2007): Geografía Humana. Barcelona: Ariel. 2.ª ed.
  • SANTOS SOLLA, X. M.; e PIÑIEIRA MANTIÑÁN, M. J. (Coord.) (2011): Nova Xeografía de Galicia. Vigo: Xerais.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.07.2023.