
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela acolle o venres 3 de outubro a reunión de lanzamento do proxecto WELLMOBE, unha iniciativa financiada a través da 8º convocatoria SeedFunding de EUniWell, a European University for Well-Being da que a USC forma parte xunto con outras dez universidades europeas. O encontro reunirá en Santiago as institucións socias do proxecto, as Universidades de Murcia, Nantes e Florencia, ademais da propia USC, entidade coordinadora.
O proxecto WELLMOBE ten como obxectivo analizar a equidade na participación do estudantado universitario en programas de mobilidade internacional, particularmente no marco de Erasmus+. A iniciativa céntrase en dous eixos fundamentais: por unha parte, o acceso ás oportunidades de mobilidade, examinando como inflúe o perfil e as características do estudantado na posibilidade de realizar unha estancia no estranxeiro; e, por outra, os resultados desa mobilidade, estudando en que medida esas mesmas características condicionan os beneficios e experiencias obtidos. A finalidade última é identificar barreiras e boas prácticas, elaborar recomendacións e deseñar unha ferramenta de apoio á toma de decisións que contribúa a facer máis inclusivas as mobilidades internacionais.
Obxectivos da reunión en Santiago
Na xornada do venres en Santiago presentarase WELLMOBE publicamente, ademais de establecer unha dinámica de colaboración efectiva entre as institucións socias e intercambiar coñecemento e perspectivas preliminares sobre as diferenzas de acceso e impacto da mobilidade internacional nos distintos contextos universitarios.
O programa comezará ás 10:15 horas no Salón de Graos do centro coa sesión de benvida institucional, na que intervirá unha representación da vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoán Ramón Doldán García, e o coordinador do proxecto, Raúl Ríos Rodríguez. A continuación terá lugar unha presentación introdutoria sobre a razón de ser e as principais tarefas de WELLMOBE, seguida dunha mesa redonda cos socios internacionais na que expoñerán a situación dos seus programas de mobilidade.
Tamén está previsto un exercicio participativo en formato ‘World Café’, na Aula 12 da facultade, aberto a estudantes con experiencia ou interese en programas de mobilidade e a persoal docente e administrativo vinculado a este ámbito. Esta sesión permitirá identificar cuestións clave e boas prácticas en materia de participación.
Xa pola tarde, os membros do consorcio manterán unha sesión de traballo interna para revisar os resultados preliminares dunha enquisa realizada na USC e afinar o plan de traballo conxunto. A reunión pecharase cunha sesión final de síntese e definición dos seguintes pasos do proxecto.