A catedrática Azucena Mora, seleccionada como ‘Champion’ de EUniWell

A catedrática de Microbioloxía na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC, Azucena Mora, foi seleccionada pola Universidade Europea para o Benestar (EUniWell) como unha das primeiras oito Champions da Alianza. Xunto con outro persoal investigador sénior de Colonia, Constanza, Florencia, Inalco, Murcia, Nantes e Semmelweis, Mora asumirá un papel de liderado na promoción da misión de EUniWell: fomentar o benestar nas universidades e na sociedade.
O plan de acción de Mora como Champion, que desenvolverá de febreiro a xullo de 2026, “céntrase na difusión do concepto One Health, que entende a saúde humana, animal e ambiental como partes dun sistema único e interdependente”, sinala. A catedrática de Microbioloxía combinará investigación, innovación na comunicación e cooperación internacional para “transformar o coñecemento científico en acción concreta, poñendo o foco na relación entre saúde, seguridade alimentaria e sustentabilidade ambiental, tres eixos esenciais para o benestar global”.
Os oito Champions de EUniWell, que recibirán unha axuda de ata 15.000 euros para apoiar as súas actividades, promoverán a colaboración interdisciplinaria, a difusión de resultados de investigación sobre benestar e o avance dos valores fundamentais da Alianza fóra e dentro das súas institucións de orixe. Para Azucena Mora, a posibilidade de actuar como embaixadora do consorcio representa un reto profesional que lle “permite explorar novas formas de transferencia de coñecemento, conectar con outras institucións europeas e reforzar o papel transformador da ciencia e da educación”, explica. Os días 8 e 9 de setembro a USC acollerá no Campus de Santiago unha primeira reunión de coordinación dos primeiros Champions de EUniWell.
EUniWell Champions Scheme
A segunda convocatoria de Expresións de Interese para o EUniWell Champions Scheme abrirase en febreiro de 2026. Este programa está coordinado pola USC como parte dos cometidos do Paquete de Traballo 8 (WP8), dedicado á investigación, innovación e emprendemento responsables, e que lidera no marco do proxecto EUniWell-Weff da Alianza EUniWell.