Manifesto de oposición a unha nova macro-celulosa en Galicia (“Altri non”) desde a comunidade científica
O proxecto de instalación dunha nova fábrica de celulosa en Galicia supón unha forte ameaza para o medioambiente e a conservación da biodiversidade en todo o territorio galego. Galicia non debería basear a súa economía en industrias extractivas que implican unha profunda deterioración do patrimonio natural. Pola contra, debería traballar cara a unha xestión forestal máis sustentable, reducindo progresivamente a superficie ocupada por especies de eucalipto e promovendo a diversificación dos ecosistemas. Esta racionalización do uso forestal do eucalipto permitiría avanzar na recuperación dos ecosistemas e da biodiversidade nun ámbito rural ecosocialmente multifuncional.
Galicia non pode no século XXI ligar o seu futuro económico a un modelo produtivo incompatible cos obxectivos ambientais. Consideramos, polo contrario, que debe desenvolver a súa economía en liña coa maioría dos países europeos onde se pretende que a recuperación e restauración ecolóxica (Lei de Restauración da Natureza, aprobada polo Consello da Unión Europa o 17 de Xuño de 2024) sexan un eixo esencial do desenvolvemento económico realmente sustentable.
A instalación dunha nova fábrica de celulosa implicará unha alta demanda de madeira procedente de monocultivos de especies forestais de baixa calidade ecolóxica. O impacto na conectividade dos ecosistemas e na biodiversidade asociada será dunha escala e magnitude superior ao xa importante impacto a escala local que terá na contorna no que se proxecta instalar esta fábrica. Por isto, como comunidade universitaria que estudamos e investigamos sobre medio ambiente en Galicia, opoñémonos á instalación da fábrica de celulosa da empresa Altri en Palas de Rei (Lugo).
Os principais motivos da nosa oposición son:
1. Deterioración dos Ecosistemas e a Biodiversidade: A expansión das plantacións de eucalipto para abastecer a fábrica aumentará a competencia pola terra, posiblemente desprazando a especies autóctonas e afectando a integridade dos hábitats naturais. O rico mosaico de hábitats conformado por prados, sebes, pequenas carballeiras e soutos que caracteriza o interior de Galicia, no que se fundamenta eficazmente a economía do territorio, pasaría a ser unha paisaxe ameazada de desaparición. O eucalipto, como calquera monocultivo, reduce drasticamente a diversidade biolóxica. Ademais, terá un impacto máis aló da propia plantación, xa que se reducirá a conectividade entre zonas de alto interese para a biodiversidade.
2. Elevada Sensibilidade Ambiental da área: A área proposta para a instalación da fábrica é ambientalmente moi sensible. A zona de afección sitúase no afloramento de rochas ultrabásicas de Melide, moi particulares e escasas a nivel mundial denominadas serpentinitas, e limita coa Zona de Especial Conservación (ZEC) “Serra do Careón”, un espazo protexido pola Rede Natura, que alberga diversas especies de flora e fauna únicas que se verían gravemente afectadas polas actividades industriais. A zona de afección directa foi incluída nas propostas de 2008 e 2011 da Xunta de Galicia para aumentar a Rede Natura e posúe valores ambientais comparables ou superiores ás áreas actualmente na ZEC. Para alén disto, inclúe algúns dos mellores núcleos de catro das especies máis ameazadas de Galicia, protexidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (regulado polo Decreto 88/2007, da Xunta de Galicia). Estas especies, actualmente en declinio, son endemismos estritos do devandito afloramento, e son absolutamente dependentes da non alteración da morfoloxía dos solos serpentiníticos. Debe subliñarse que a presenza destas especies vexetais xunto con outras tamén de grande valor biolóxico alí detectadas fai desta zona unha das escasas dez áreas de valor excepcional, desde o punto de vista da conservación da flora ameazada, catalogadas no territorio español peninsular e Baleares.
3. Grave Impacto no Río Ulla: O río Ulla sufrirá unha extracción diaria de 46.000 metros cúbicos de auga e recibirá 30.000 metros cúbicos de residuos tratados. A alteración do caudal e a variación na fisico-química da auga supoñen un cambio con potencial impacto sobre a calidade da auga e a biodiversidade asociada, polo que é esencial aplicar o principio de precaución que debe rexer toda actividade con potencial impacto ambiental. Ademais, tamén se verán afectadas outras actividades humanas que dependen deste recurso. Cabe lembrar que o impacto no río Ulla non se limitaría ao momento de vertedura, senón que pola conectividade lonxitudinal do río, estenderíase augas abaixo, onde se atopa outro compoñente importante da Rede Natura, o Sistema Fluvial Ulla-Deza, e en última instancia a ria de Arousa, un delicadísimo ecosistema de fundamental importancia ambiental e socio-económica, así como a ZEC, ZEPA e Humidal Ramsar do Complexo Intermareal Umia-Grove-Carreirón.
4. Incremento de Emisións e Contaminación: A fábrica emitirá diversos contaminantes atmosféricos, incluídos óxidos de xofre e nitróxeno, principais responsables da chuvia ácida, en cantidades moi importantes, monóxido de carbono, dióxido de carbono ( aínda que a súa emisión non se detalla no EIA da empresa) e material particulado. Estes contaminantes non só afectarán á calidade do aire local, senón que tamén o farán á biodiversidade como consecuencia da chuvia ácida e poden ter efectos máis amplos no clima e na saúde pública.
Por todo isto, os membros da comunidade universitaria e os institutos de investigación, tanto as que traballamos no ámbito do medio ambiente e diversidade biolóxica como as doutros ámbitos de investigación, opoñémonos ao proxecto da instalación dunha nova macro-celulosa en Galicia.
Asinado:
Departamento de Botánica, Universidade de Santiago de Compostela (10 Xullo 2024)
Departamento de Bioloxía Funcional, Universidade de Santiago de Compostela (11 Xullo 2024)
Departamento de Ecoloxía y Bioloxía Animal, Universidade de Vigo (12 Xullo 2024)
Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, Universidade de Santiago de Compostela (15 Xullo 2024)
Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física, Universidade de Santiago de Compostela (23 Xullo 2024)
Departamento de Bioloxía, Universidade da Coruña (23 Xullo 2024)
Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (23 Xullo 2024)
Departamento de Suelos, Biosistemas y Ecología Agroforestal, Misión Biológica de Galicia (CSIC) (24 Xullo 2024)
Departamento de Economía Aplicada, Universidade de Vigo (29 Xullo 2024)
Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo (16 Setembro 2024)
Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (3 outubro 2024)