Ir o contido principal

Especialistas internacionais profundan en Filoloxía sobre a relación de Quevedo co seu contexto europeo

Especialistas internacionais profundan en Filoloxía sobre a relación de Quevedo co seu contexto europeo

Especialistas de universidades españolas e estranxeiras, particularmente de Estados Unidos e Italia, participan este xoves e o venres 19 na segunda edición do congreso internacional ‘Quevedo no seu contexto europeo’. Está é unha iniciativa do grupo de investigación Francisco de Quevedo que se desenvolverá no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía.

Como explica o equipo promotor deste encontro, as facetas da relación de Quevedo con Europa son “múltiples e imposibles de abarcar nun único intento”. O contexto europeo resulta “ imprescindible” para explicar a súa actividade literaria ou tradutora e tamén a súa vertente de historiador e escritor de anais, “pois a política exterior e a historia doutros países interesáronlle particularmente”.

O programa da xornada comezou este xoves abordando as afinidades literarias entre Quevedo e Vélez de Guevara así como a relación entre Gracián, Quevedo e a tradición italiana do concepto. A sesión matinal completouse con relatorios alusivos á tradición clásica da agudeza, a poesía renacentista europea ou os ecos vangardistas da poesía de Quevedo.

A xornada da tarde comezará ás 16.00 horas da man de Javier Gutiérrez Carou co relatorio ‘Il mito di Narciso nella poesia di Marino fra suono e silenzio’ e continuará con Alejandro García-Reidy, da Universidade de Syracuse, para presentar unha ‘Notas para unha historia da circulación contemporánea de manuscritos quevedianos no Reino Unido’. Este primeiro día do congreso rematará coa celebración dunha mesa redonda dedicada a novas investigacións no grupo Quevedo da USC.

O venres 19, a partir das 10.00 horas, Federica Cappelli, da Universidade de Pisa, falará sobre ‘Os Sonos de Quevedo vistos por un lector romántico italiano’, e Giulia Poggi, da mesma universidade, reflexionará sobre as Necedades de Orlando. A partir das 12.00 horas Pedro Conde Parrado, da Universidade de Valladolid, pronuncia o relatorio ‘Quevedo e Justo Lipsio: unha nova mirada sobre o seu intercambio epistolar (1604-1605)’ e María José Alonso Velos, da USC, o titulado ‘A recepción da sátira lucianesca de Quevedo en Inglaterra: a tradución de Discurso de todos os diablos’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2023.