Estudan a Quevedo no seu contexto europeo

O grupo de investigación da USC ‘Francisco de Quevedo’ sostén que a biografía do autor español só se entende eficazmente nun contexto europeo. Por unha banda, porque o literato mostrou sempre unha preocupación polas vicisitudes internacionais das monarquías de Felipe III e Felipe IV, e, por outra, porque a súa extensa obra literaria, sobre todo en prosa, participa das correntes e debates do humanismo europeo.
Partindo desta premisa, o equipo de investigación organiza o simposio internacional ‘Quevedo no seu contexto europeo’ que se enmarca dentro do proxecto ‘A transmisión da obra de Quevedo no contexto intelectual europeo: tradución e recepción’ e que reúne este martes e o mércores en Filoloxía recoñecidos especialistas para explicar os vínculos do autor con Europa e a proxección do prolífico escritor no escenario europeo.
No encontro analizaranse as múltiples vertentes que se atopan na relación de Quevedo co contexto europeo no que se desenvolveu a súa produción literaria: culturais, intelectuais e ideolóxicas, debido á súa relación co humanismo europeo e o neoestoicismo; biográficas e políticas pola súa intervención como protagonista ou testemuña de avatares históricos en países diversos; ou literarias, xa que a súa obra se vinculou ás principais tradicións vixentes no seu tempo, incluída a historiográfica, con reflexións sobre política exterior e historia doutros países europeos. Estas diversas facetas influíron en gran medida sobre a súa literatura e contribuíron á súa difusión.
O simposio, que coordinan os profesores Alfonso Rey e María José Alonso, inaugurouse esta mañá cunha conferencia do vicerreitor Roberto López, que falou do contexto de Quevedo, especialmente da crise do século XVII.
A sesión continuará ata este mércores en Filoloxía. Foto: Servimav-USC