Ir o contido principal

O grupo de investigación Francisco de Quevedo engade tres novas obras ao estudo da obra deste autor

O grupo de investigación Francisco de Quevedo engade tres novas obras ao estudo da obra deste autor

O grupo de investigación ‘Francisco de Quevedo’ da USC acaba de engadir tres novas monografías sobre o autor, a primeira delas un estudo e anotación do poemario ‘Canta sola a Lisi’, un cancioneiro de apariencia petrarquista e espírito contrario a Petrarca e que resulta “ peculiar incluso dentro dos antipetrarquismos europeos”, como sinala o profesor Alfonso Rey Álvarez, un dos coordinadores da edición. A segunda proposta é o libro Lectura del Buscón que agora publica a Universidade de Valladolid nunha colección dedicada ao Século de Ouro español. Finalmente, a terceira proposta dos investigadores da USC representa o volume 6 das obras completas en prosa, de inminente publicación en Edhasa-Castalia, que ofrece a edición crítica e estudo de oito memoriais de Quevedo nos que propón, unhas veces a Felipe IV e outras ao Conde-duque de Olivares, diversas medidas de goberno en materias tan diversas como o co patronazgo de Santa Teresa, os castigos da Inquisición, a estratexia naval no Adriático ou os financeiros chegados de Portugal. Neste senso, segundo explica Alfonso Rey, especial interese ofrecen dous escritos breves nos que solicita o levantamento da condena de prisión que sofre en San Marcos de León nunhas circunstancias nunca aclaradas. Como sinala o docente a USC, a relación de Quevedo con Galicia reduciuse á súa colaboración co Cabido catedralicio durante a polémica do Padroado de Santiago. Non obstante, o esforzo de investigadores de diferentes áreas e metodoloxías ofrece dende hai dúas décadas “unha brillante suma de achegas filolóxicas e crítico-literarias sobre unha obra extensa e complexa”, engade Rey.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2023.