Ir o contido principal

A obra de Francisco de Quevedo, punto de ancoraxe para afondar nos perfiles da literatura barroca

Unha monografía coordinada pola profesora da USC María José Alonso Veloso e froito do congreso que a Facultade de Filoloxía acolleu en 2019, recolle quince achegas que renden homenaxe a este autor senlleiro do Século de Ouro
Santiago de Compostela

As quince achegas recollidas na obra Perfiles de la literatura barroca desde la obra de Quevedo renden homenaxe á traxectoria de Francisco de Quevedo, dende a que é posible apreciar as múltiples facetas da literatura barroca. Deste xeito, e baixo a coordinación da profesora da USC María José Alonso Veloso, o volume afonda na biografía deste autor do Século de Ouro, así como na súa erudición clásica e as súas lecturas, as súas creacións no xénero epistolar, a narrativa picaresca e a prosa lucianesca; o seu discurso cortesán, histórico e moral; a súa actividade como tradutor, a súa densa vinculación á tradición italiana; e tamén a súa posición na polémica antifrancesa.

Esta obra nace como resultado dos relatorios presentados na terceira edición do congreso internacional ‘Quevedo no seu contexto europeo’, celebrado en outubro de 2019 na Facultade de Filoloxía da USC e que contou con arredor de 130 persoas inscritas. Asemade, o volume xorde como iniciativa do grupo de investigación Francisco de Quevedo, dirixido polo profesor da USC Alfonso Rey.

Ademais dos relatorios dos promotores da iniciativa, Alfonso Rey e María José Alonso Veloso, o libro recolle achegas de expertos de centros de investigación españois e estranxeiros procedentes de Francia, Italia e Noruega. Francisca Moya del Baño, Juan Ramón Muñoz Sánchez, Antonio Ramajo Caño, Samuel Fasquel, Pedro Conde Parrado, J. Ignacio Díez, David González Ramírez, M.ª Ángeles González Luque, Alessandra Ceribelli, Lucio R. Cebreiro, Adrián J. Sáez, Randi Lise Davenport, Lúa García Sánchez e Antía Tacón García, integran a listaxe de autores que nutren esta monografía que contou con financiamento da USC, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia. O libro foi editado por Sial na súa colección Trivium.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2023.