Actividade organizada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e a Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC

A contaminación luminosa non é un asunto menor, un “capricho” de afeccionados á astronomía senón que afecta ao medio ambiente: altera a vida mariña (pola iluminación indiscriminada das praias), dificulta ou impide os movementos migratorios das aves e provoca graves desequilibrios na fauna nocturna e crepuscular. Supón tamén un sobreconsumo de combustíbeis fósiles, enerxía e recursos naturais.
A exposición á luz artificial durante a noite afecta á saúde humana ao desaxustar o “reloxo biolóxico” e inhibir a secreción de melatonina.
A contaminación luminosa é un asunto relevante que convén introducir o máis pronto posíbel no debate público con rigor por iso este obradoiro, baseado nun xogo é de interese para o profesorado, para formadores, pais e nais e todo o público en xeral.
Da man de Martin Pawley, da Agrupación Astronomía Ío e a través do xogo de mesa Viaxe pola noite iluminada coñeceremos como a contaminación luminosa afecta a flora e a fauna en todo o planeta. Aprenderemos xogando o impacto da luz artificial pola noite sobre as árbores, os insectos, as aves e mesmo sobre os animais mariños. As persoas que se inscriban levarán, ademais, o taboleiro de xogo de agasallo.
Data venres 27 de decembro
Horario 17.30 horas
Prezo de balde, previa inscrición
Inscricións en amhnusc [at] gmail.com (amhnusc[at]gmail[dot]com)