
É unha iniciativa que, desde o curso 2013-14, traballa para ampliar a oferta dispoñible de materiais docentes en galego no Grao en Veterinaria. Facilítalle ao profesorado que imparte as súas clases en castelán a posibilidade de publicar no Campus Virtual versións en galego do seu material de clase, que o alumnado interesado pode descargar libremente desde alí.
O obxectivo final de Escolle en galego é ofrecerlle ao alumnado do Grao en Veterinaria oportunidades para aumentar ou consolidar, segundo os casos, as súas habilidades para comunicarse en galego en contextos profesionais, algo que lles será moi útil a aqueles que acaben desenvolvendo a súa carreira profesional en Galicia.
Desde o Servizo de Normalización Lingüística ofréceselle ao profesorado da Facultade ferramentas (tradutores automáticos, correctores ortográficos, glosarios...) e servizos (revisión e tradución de materiais) para que poidan ofrecer no Campus Virtual versións en galego do seu material docente (apuntamentos, presentacións, informes de prácticas...).
Estes materiais publicaranse no Campus Virtual cun título ("Escolle en galego", "Versión galega"...) que permita que o alumnado interesado poida identificalos con facilidade, e consultalos ou descargalos libremente.
Podes consultar as materias e os docentes que participan nesta iniciativa neste documento.
Se es docente no Grao en Veterinaria e queres sumarte a esta iniciativa, contacta coa Comisión de Normalización Lingüística (marta.lopez.alonso [at] usc.gal (marta[dot]lopez[dot]alonso[at]usc[dot]gal), tfno. 982 822 621).