Moitos dos apelidos con aparencia castelá (Abonjo, Seijas, Mayo, Otero, Penabad, Atanes...) son o produto da deformación dun apelido orixinariamente galego.
Podes restituír os teus apelidos á súa forma galega correcta e aquí atoparás toda a información necesaria para facelo.
Son galegos os meus apelidos?
Os apelidos orixináronse pola necesidade de identificar e distinguir as persoas. A maioría dos apelidos de Galicia teñen orixe en nomes de lugar (Piñeiro, Carballedo, Souto, Maceira, Caxade, Seixo, Castro, Vilar, Dopazo, Dacosta, Dafonte, Carreira, Coruña, Viaño, Ribeiro, Saiáns, Laxe, Quintas, Outeiro, Goiáns, Carrodéguas...), en nomes de persoa (Rodríguez, López, González, Estévez, Lois, Lourenzo, ...) ou en nomes que reflicten características físicas ou doutro tipo (Louzao, Rubio, Rouco, Calvo, Mouriño, Pita...), oficios e cargos (Ferreiro, Taberneiro, Besteiro...). Dado que o corpus dos apelidos provén da Idade Media e que daquela en Galicia a lingua de uso maioritario era o galego, a gran maioría dos nosos apelidos son galegos. Ademais, en Galicia apenas houbo inmigración, polo que esa tendencia se mantén moi estable ao longo do tempo.
Mais a partir do século XVI o galego desapareceu como lingua dos documentos oficiais, substituído polo castelán. Dende daquela, algúns apelidos foron traducidos e outros alterados na ortografía ou na morfoloxía para facelos máis parecidos ao castelán. Aquí á dereita podes ver varios exemplos na documentación onde o mesmo apelido figura coas dúas formas. Na maior parte destes casos acabou impoñéndose nos rexistros oficiais a forma castelanizada.
Xa que logo, agás fabas contadas, podemos concluír que, se es de ascendencia galega, os teus apelidos son galegos, pero puideron sufrir unha alteración con respecto ao orixinal para castelanizalos.
Podes consultar aquí un buscador cos 6.000 apelidos máis frecuentes en Galicia e comprobar así se o teu apelido é galego e como se escribe correctamente. Neste buscador inclúese, ademais, a equivalencia das formas castelanizadas coas súas galegas correspondentes.
Eu xa o fixen. Experiencias
Quero restituír o meu apelido! Como facelo
A Lei 20/2011, do 20 de xullo, do rexistro civil permite a regularización ortográfica dos apelidos “para adecualos á gramática e fonética da lingua española correspondente” (artigo 298 RRC). Polo tanto, calquera persoa inscrita no rexistro civil pode solicitar a adecuación dos seus apelidos ás particularidades lingüísticas do galego, en calquera momento, de forma gratuíta, sen que sexa preciso alegar causa ningunha ou xustificar o uso habitual dese apelido na vida cotiá.
Só tes que dar catro pasos:
- Consulta aquí a forma correcta en galego do teu apelido ditaminada pola Real Academia Galega.
Os apelidos que non figuren nela deberán ser obxecto dun informe específico por parte da Real Academia Galega, que podes solicitar neste correo: secretaria [at] academia.gal (secretaria[at]academia[dot]gal)
- Solicita unha certificación literal de nacemento no rexistro civil ou no xulgado de paz onde estea rexistrado o teu nacemento.
- Solicita no rexistro civil ou no xulgado de paz máis próximo ao teu domicilio, mediante unha instancia, que se proceda á regularización ortográfica dos teus apelidos, ao abeiro da Lei 20/2011, do 20 de xullo, do rexistro civil, e segundo o ditaminado pola Real Academia Galega.
Acompaña esa solicitude coa certificación de nacemento e, se for necesario, co informe específico da RAG.
O rexistro civil trasladará o expediente ao ministerio fiscal para informe e a seguir pasará o expediente ao encargado ou encargada do rexistro para resolver
- Unha vez resolta oficialmente a regularización da ortografía do teu apelido, cambia os documentos de identidade (DNI, pasaporte, carné de conducir...) e restante documentación.
Por que restituílo? As cousas... polo seu nome
“Cortesía e falar ben, custa pouco e viste ben”. En todos os idiomas existen ditos que recomendan o coidado na lingua. É ben sabido que falar ben é unha habilidade persoal que abre portas e que resulta fundamental para convencer e persuadir. E falar ben apóiase, entre outros, nun esteo básico: utilizar a lingua, a que sexa, con corrección.
E se no teu día a día te esforzas por expresarte nun galego correcto (pronuncias ben Tanxugueiras 😊) e rico, denominando as cousas polo seu nome (espir, saia, amorodo, cunca, soneca, aperta, troula, bico...), por que permitir que unha parte importante do teu nome, como é o apelido, que te identifica diante do mundo e coa que te poden denominar e nomear, siga reflectindo unha alteración que o perverte, que siga estando “mal escrito”?
Por que continuar a apelidarte *Sayanes, se o topónimo ao que se refire é Saiáns? Por que *Seijo, *Seijas, *Seijido, *Seijal..., palabras que non existen nin en galego nin en castelán (neste idioma dise "cuarzo")? O correcto en galego é Seixo, Seixas, Seixido, Seixal. Mesmo en latín xa se escribía con X, porque a orixe desta palabra é "saxum". Por que *Otero se a elevación dun terreo é un "outeiro" e o apelido é galego, como demostra a elevadísima concentración deste apelido en Galicia?
As cousas polo seu nome é unha campaña para divulgar o dereito das persoas galegas a restituírmos os nosos apelidos, iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC, co apoio técnico do Servizo de Normalización Lingüística e a colaboración do grupo de investigación en Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación desta universidade.
Saber máis
Boullón Agrelo, A.I. (2021): Todos os nomes: identidade, pobo, país. Discurso de ingreso na RAG. A Coruña, Real Academia Galega.
Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC: Cartografía dos apelidos de Galicia.
Instituto Nacional de Estadística (INE): Distribución territorial de apellidos en España.
Navaza, Gonzalo (2012): “A grafía do fonema prepalatal fricativo xordo en topónimos e apelidos galegos”, Estudos de Lingüística Galega, 4: 169-185.
Real Academia Galega (2016): Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización. A Coruña, Real Academia Galega.
Real Academia Galega (2017): Estudos de onomástica galega II. Os nomes e os apelidos. Aspectos legais, sociais e lingüísticos. A Coruña, Real Academia Galega.
Real Academia Galega (2025) Guía de apelidos galegos Buscador Web. A Coruña. Real Academia Galega.