Biblioteca Intercentros
Formación do Profesorado
As comisións de Xénero e a Oficina de Cultura do Campus de Lugo conmemoran este venres, ás 11.30 horas, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller coa ‘performance’ ‘Ocos’ e a lectura dun manifesto diante da Intercentros e de Formación do Profesorado
As comisións de Xénero das facultades de Administración e Dirección de Empresas, Veterinaria, Humanidades, Ciencias, Formación do Profesorado e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría conmemoran este venres o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Mullere con concentracións, a partir das 11.30 horas, diante da Biblioteca Intercentros e da Facultade de Formación do Profesorado da sede universitaria luguesa.
Os actos de concentración comezarán coa lectura do manifesto 25N, a cargo dun representante da Facultade de Ciencias. De seguido, realizarase a ‘performance’ ‘Ocos’, trala que se gardará un minuto de silencio en repulsa diante das condutas de violencia e en lembranza das vítimas da violencia contra a muller en España no que vai de ano.
As comisións promotoras deste acto conmemorativo do 25N convidan a todas as persoas que conforman a comunidade universitaria a sumarse a esta celebración. Asemade, as persoas que desexen participar de xeito activo na ‘performance’ poden solicitar a súa inclusión a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es) ata as 19.00 horas deste mércores 22 de novembro.