IGFAE e CESGA organizan este curso que impartirá o investigador do Instituto de Física Fundamental do CSIC Luca Tagliacozzo

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) promoven o curso 'Introdución ás redes de tensores', que se desenvolverá do 25 ao 28 de setembro e será impartido polo investigador do Instituto de Física Fundamental do Consello Superior de Investigacións Científicas (IFF-CSIC) Luca Tagliacozzo.
As redes de tensores, construcións matemáticas que permiten comprimir e representar grandes cantidades de datos, destácanse como unha vía prometedora cara o estudo de sistemas cuánticos, e como un mecanismo de utilidade para predicir o seu comportamento. O presente curso, que se desenvolverá de maneira presencial no IGFAE da USC e tamén poderá seguirse en liña, pretende servir de introdución ao uso destas redes na simulación cuántica e incluirá presentacións teóricas e laboratorios Python para casos prácticos.
A asistencia é gratuíta pero precisa de inscrición previa que estará suxeita á aprobación por parte do equipo organizador. As persoas participantes deberán posuír coñecementos previos en mecánica cuántica de varios constituíntes, como os sistemas de espín 1/2, do significado da evolución hamiltoniana e das propiedades de estados mixtos e matrices de densidade. A nivel computacional, serán requiridas habilidades de Python para escribir e depurar códigos feitos de varias funcións con numpy e scipy.
As prazas para asitir ao curso de forma presencial xa están esgotadas pero aínda se admiten novas inscricións para o seguimento en liña.
Pódese consultar información detallada sobre esta actividade formativa na web do IGFAE.