Ir o contido principal

Últimas semanas para concorrer ao IV Premio ‘Luís Porteiro Garea’

Este premio lembra a figura do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea. FOTO: Santi Alvite
Este premio lembra a figura do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea. FOTO: Santi Alvite
O prazo para tomar parte neste certame que recoñece a normalización do galego na Universidade permanece aberto ata o 30 de abril de 2021
Lugo, Santiago de Compostela

O Premio ‘Luís Porteiro Garea’ quere recoñecer un ano máis a iniciativa, o traballo e a traxectoria da comunidade universitaria, presente e pasada, a prol da normalización do galego na universidade. Neste certame impulsado dende o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC e que chega xa á súa cuarta edición, serán valoradas aquelas iniciativas relacionadas co emprego habitual da lingua na institución universitaria; as achegas realizadas á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos e actividades na USC; o estudo e difusión do idioma galego; ou calquera outra iniciativa que sexa considerada relevante neste eido. As candidaturas poderán ser propostas por calquera persoa, entidade ou colectivo ata o 30 de abril de 2021 e deben dirixirse, seguindo o modelo, á Secretaría do xurado a través do Rexistro Electrónico da USC.

Este galardón ten carácter de distinción pública e será entregado nun acto protocolario onde a persoa ou colectivo recoñecido recibirá unha peza do escultor Caxigueiro. O xurado estará formado polo reitor; a persoa integrante do equipo de goberno da USC con competencia en cuestión de política lingüística; un representante da Comisión do Claustro; dúas persoas membros dunha comisión de normalización das facultades; e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, que actuará como secretario, con voz pero sen voto. A composición concreta do xurado farase pública con anterioridade á súa constitución no taboleiro electrónico e na páxina web da USC.

Figuras senlleiras

Este premio lembra a figura do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, quen o día 16 de setembro de 1915 pronunciou no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego da que se ten constancia. Nas anteriores edicións deste premio foron recoñecidas figuras tan emblemáticas para a Universidade como é o caso dos profesores Manuel Bermejo, Xosé Antonio Gómez Segade e Antón Costa Rico, catedráticos de Química Orgánica, Dereito Mercantil e Historia da educación, respectivamente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.04.2021.