Ir o contido principal

Comeza a segunda edición do Certame de grupos musicais da USC, aberto a todos os estilos de música moderna

Cartel do certame
Cartel do certame
A convocatoria busca dar visibilidade e fomentar a actividade artística e creativa orixinal na comunidade universitaria e o prazo de inscrición remata o 22 de xaneiro

A segunda edición do Certame de grupos musicais da USC xa está en marcha, co obxectivo de fomentar e darlle visibilidade á actividade artística e creativa orixinal, no ámbito da música moderna, da comunidade universitaria da Universidade de Santiago de Compostela e especialmente do seu estudantado. Ata o 22 de xaneiro poderanse presentar candidaturas de maneira individual ou como grupo, formado por un mínimo de dous membros da comunidade universitaria ou tres para grupos de cinco ou máis compoñentes. Outorgaranse tres premios dotados de 800, 450 e 250 euros, respectivamente.

Nas solicitudes presentaranse temas de música moderna orixinais e non premiados con anterioridade. Cada participante ou grupo poderá presentar unicamente unha solicitude e unha proposta musical. Tampouco pode tomar parte nesta convocatoria quen teña editado algún traballo discográfico, agás que sexa autoeditado e que careza de respaldo discográfico na actualidade. As candidaturas deben presentarse a través do rexistro electrónico da USC, de acordo coas bases da convocatoria.

Desenvolvemento
As solicitudes pasarán primeiro por unha fase de preselección na que o xurado escollerá tres propostas de entre todas as presentadas. Valorarase a orixinalidade e instrumentación (3,5 puntos), a afinación e execución (3,5 puntos), posta en escena (2 puntos) e uso do galego (1 punto).

Unha vez finalizada a fase de preselección e publicada a súa resolución, abrirase a fase de selección final que determinará as propostas gañadoras a través dunha actuación en directo nun concerto da Primavera Cultural 2025, cunha intervención dun máximo de 10 minutos por aspirante.

Primeira edición
Na primeira edición do Certame de grupos musicais da USC resultou gañadora a proposta de 'The Displacements'. O segundo premio foi para Aprendiz e o terceiro para Diego Flâneur. A final celebrouse o 11 de abril nun concerto en directo no que tamén participaron Caamaño & Ameixeiras.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2024.