Ir ao contido principal

Publicacións

Demarcacións, toponónimos, papeis, memoria. Sobre a división e control do territorio na Galicia moderna

Autores: Saavedra Fernández, Pegerto

Ano: 2013

A Coruña, Real Academia Galega, 116 pp.

Palabra clave: división do territorio, xurisdicións, cotos, partidos fiscais, parroquias, aldeas, paisaxe agraria, propiedade da terra, foros, apeos, catastro, cartografía, resistencias campesiñas, Galicia, Idade Moderna.

URL: http://www.realacademiagalega.org/documents/10157/7f5bf87a-83e8-4699-9451-9b9478873b5e

Arquivo

A complexidade da división do territorio causou admiración e problemas aos oficiais da administración real, a a nobreza e ás institucións eclesiásticas en canto titulares de grandes patrimonios, e en xeral a quen desexaban coñecer con certo detalle o Reino. A fragmentación do espazo en xurisdicións e cotos, partidos fiscais e parroquias, circunscricións que non coincidían unhas con outras e que son o resultado da vixencia dunha pluralidade de poderes (señorial, real, eclesiástico); un hábitat formado por preto de 30.000 aldeas, mal comunicadas a maior parte delas; unhas terras de cultivo repartidas en minúsculas parcelas que podían mudar de posesor dun ano para outro, pois as terras eran “transeúntes”; o feito de que a única lingua que coñecían e usaban os campesiños non fose a mesma que se empregaba na administración e en xeral na escritura, o que favorecía que houbese unha intensa vida comunitaria, de carácter oral, á marxe do mundo oficial, e que os aldeáns puidesen *escusarse de colaborar coas autoridades, argumentando que non entendían de contas nin papeis… Todas estas realidades constituían muros que os axentes externos ás comunidades campesiñas non sempre eran capaces de cruzar, e diso quedan abundantes probas en críticas á división do Reino en xurisdicións e cotos, e en partidos fiscais, cualificada de caótica; nas dificultades para elaborar unha cartografía detallada a nivel local; nos problemas que atopaban os nobres e as institucións eclesiásticas para realizar apeos, documentos traballosos e que ao pouco tempo, por obra dos rápidos cambios na paisaxe e da malicia campesiña, perdían validez; nos esforzos que levou concluír o Catastro de Ensenada, cuxas operacións esixiron escribir uns 3.000.000 de folios (e o dobre de páxinas) para describir uns 29.000.000 de parcelas; e nos conflitos que tiveron que enfrontar os mosteiros no XVIII para identificar as terras cedidas en foros antigos. Ao cabo, só a comunidade rural coñecía en detalle unha paisaxe que cambiaba continuamente, cada vez máis humanizado por obra do traballo de innumerables  xeracións, e que hoxe constitúe un patrimonio, do que forma parte a toponimia menor, ameazado, cando non en estado ruinoso.

Máis publicacións de: