Ir ao contido principal

Pasamento do profesor Antonio Eiras Roel

 

A MORTE DUN MESTRE

O 20 de abril de 2017 ficará marcado na pequena historia da Área de Historia Moderna da USC polo pasamento do seu fundador, o profesor Antonio Eiras Roel. 

Nado en 1931, arxentino de nacemento, fillo, como tantos galegos, da emigración, Antonio Eiras Roel fixo os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela, na que foi catedrático de Historia Moderna dende 1965 até a súa xubilación no ano 2001, e logo catedrático emérito até o ano 2007. 

Decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, cronista do Reino de Galicia, primeiro presidente da Fundación Española de Historia Moderna, presidente da Commission Internationale de Démographie Historique, correspondente da Real Academia da Historia, titular da Cátedra UNESCO das migracións da USC, director honorario da revista Obradoiro de Historia Moderna…, recibiu tamén en vida recoñecementos de prestixio, entre outros, o premio Antonio López Ferreiro de Investigación en 2001 e a Medalla Castelao en 2003. Porén, esta sinxela información curricular non consegue dar fe da relevancia da súa obra e das súas achegas á investigación histórica. 

Na obra do profesor Antonio Eiras atopamos libros esenciais, caso do El partido demócrata español (1961 e 2015); Los gallegos y América (1992); Estudios sobre agricultura y población en la España Moderna (1990), La población de Galicia, 1700-1860 (1996)… Xunto a máis de duascentas publicacións aparecidas en revistas estatais e internacionais de renome e prestixio recoñecido (Annales ESC, Annales de Démographie Historique, Hispania…) e en obras colectivas publicadas en Francia, Portugal, Italia, Arxentina, México, Países Baixos, Suíza, etc. 

Mais onde o profesor Eiras Roel fixo a súas maiores achegas foi no eido da renovación metodolóxica e temática da investigación histórica galega e española, para o que seguiu os pasos dos seus referentes e amigos persoais, Pierre Goubert e Ernest Labrousse. Baixo a súa inspiración, Eiras Roel desenvolveu o seu proxecto historiográfico dende 1965 cuns obxectivos claros: asentalo sobre unha firme base documental –el mesmo foi un dos creadores do Arquivo Histórico Universitario da USC-, o rigor crítico e metodolóxico e a innovación temática, e todo co obxectivo de acadar unha Historia ben fundamentada, científica e crítica, que nos permitira avanzar no noso coñecemento do pasado. Nesta liña, rodeouse dunha primeira xeración de xoves investigadores que coas súas teses de doutoramento abriron novas perspectivas e campos de estudo na historia de Galicia e da península, en particular, no eido da demografía histórica e da sociedade e economía rurais. Logo virían as xeracións máis novas, que foron sumando a ese acervo inicial coñecemento sobre a historia da familia, as mentalidades colectivas, a historia cultural ou a historia política. 

Nese proxecto historiográfico de calado foron fundamentais os coloquios e congresos. Neste senso, o profesor Eiras Roel dou lugar no seu día a un fito no seo da historiografía modernista española mercé á celebración en Santiago das I Xornadas de Metodoloxía Histórica Aplicada, en 1973. Nelas se xuntaron os especialistas europeos e peninsulares máis recoñecidos do momento nos seus respectivos campos de traballo, poñendo deste xeito á USC no panorama internacional da investigación histórica. Logo virían outros coloquios de menor rango, mais non de menor impacto e transcendencia científica, caso dos dos anos 1982, 1984, 1989, 1993, etc.- ou aqueles que coordinou no seu día en Milán, Stuttgart, Bos Aires, México…

Fundamentais tamén nel foron as obras colectivas, como por exemplo Las fuentes y los métodos, La Historia Social de Galicia, Aportaciones al estudio de la emigración gallega, La documentación Notarial y la Historia, El reino de Galicia en la monarquía de Felipe II, etc.-, quer polo seu contido quer pola súa filosofía de fondo: o fomento do traballo en equipo. Unha convicción esta que mantivo todo ao longo da súa carreira. Froito deste proceder foi a grande obra na que ocuparía os seus últimos anos: a publicación das Actas das Xuntas do Reino de Galicia, da que foi coordinador e que, como el mesmo dicía, supuxo a súa volta ás súas orixes, á historia política.

Coa morte do profesor Antonio Eiras fechase unha etapa de grande importancia e relevancia para os modernistas galegos. O seu prestixio internacional, en especial en Francia, onde era asiduamente invitado a congresos, conferencias, coloquios e a participar nas máis variadas publicacións, obrou, grazas ó seu maxisterio, en beneficio de todos aqueles que estaban ao seu carón. 

Os seus discípulos, espallados por diferentes universidades, son pois herdeiros privilexiados dunha forma europea de entender a investigación histórica e a docencia universitaria. O profesor Antonio Eiras Roel impuxo neste senso unha dinámica e unha impronta ó traballo colectivo do seu grupo caracterizadas pola preocupación pola boa factura, pola atención as novidades metodolóxicas, temáticas e bibliográficas, pola apertura a novos camiños de prospección e de investigación, e sempre coa mirada posta en achegar á sociedade os froitos maduros dunha investigación rigorosa e construtiva. Mais, ante e sobre todo, Antonio Eiras Roel, don Antonio, foi un profesor universitario no senso europeo da palabra, pois se preocupou por formar un grupo de investigadores que continuase levando adiante un proxecto de coñecemento histórico que fará que, dalgún xeito, o seu legado non morra con el.

Descanse en paz