Celebrado o Seminario do OHM: Cultivos americanos, transformacións agropecuarias e implicacións do desenvolvemento do seu comercio en Europa, séculos XVI-XX

SINTESE DAS ACHEGAS:
Francisco J. Vela, amosou a pegada que na industria tradicional das cidades casteláns do século XVI tivo a “globalización” americana grazas á importación de produtos como o añil. Herment Laurent explicou as relación que houbo entre a importación de produtos coloniais, os intereses comerciais e as necesidades alimentarias dunha poboación europea que non deixou de medrar ao longo do século XIX. Isidro Dubert amosou as mudanzas que a partir de mediados da década de 1760 introducíu o comercio americano no sistema portuario e na tradicional lóxica comercial imperante nas principais cidades costeiras de Galicia. Manuel Díaz-Ordoñez, referiuse en cambio aos problemas e ás implicacións derivadas das dificultades que América tivo para prover á economía europea dos séculos XVI-XIX de certos produtos de uso común e industrial, como por exemplo o cáñamo.
Pola súa banda, Rosa Congost relativizou o papel que as elites catalás tiveron na introdución e difusión de innovacións agrícolas -caso da pataca- no seo do Principado ao longo do século XIX fronte ao maior protagonismo que tería correspondido aos payeses. Neste senso, Pegerto Saavedra e Hortensio Sobrado explicaron aos participantes o importante e activo papel que os labregos galegos tiveron na aceptación e difusión de produtos americanos como o millo e a pataca, así como a pegada que isto tivo no eido económico, social, alimentario ou cultural da Galicia do Antigo Réxime. Manuel Vaquero e Luca Moccarelli puxeron en cambio o acento na importancia acadada polo millo nos mercados urbanos das cidades italianas no curso dos séculos XVI-XVIII e na conformación por esta vía dun mercado relativamente unificado e integrado de gran a nivel rexional na Italia do Antigo Réxime. Antonio Maduro e Margarida Sobral Neto explicaron as relevantes transformacións que a chegada do millo e da pataca supuxeron para a paisaxe física e a vida económica, social e cultural das comunidades rurais do norte de Portugal.