Publicación do libro: Isidro Dubert (ed.), A morte de Galicia, Xerais, 2019

O agocho da actual vaga migratoria que golpea a Galicia, a quinta da súa historia e a primeira da democracia, foi seguida da difusión dunha visión dos problemas demográficos, económicos e sociais polos que atravesa o país en clave natalista. Un natalismo de inspiración francesa, moi rancio e pouco elaborado, que foi difundido socialmente dende 2005-2006 pola administración, os medios de comunicación e certos sectores da universidade galega, e a partires do que se pretendía escribir unha «historia oficial» de Galicia. Nela, os vellos e a caída da fecundidade —concretada esta na figura das mulleres sen fillos, ou con resistencias a telos—, son presentados como a causa de tódolos supostos «males» demográficos, familiares, económicos, sociais e culturais que hoxendía padece Galicia, «atraso económico e social» incluído.
Neste libro, concibido como un exercicio de «historia crítica», ponse de releve a enorme importancia demográfica, familiar, económica, social ou cultural que a emigración e as persoas maiores tiveron á hora de vertebrar a historia de Galicia. De feito, a actual situación demográfica, como os posíbeis problemas que se derivan dela, non poden entenderse sen o papel que a emigración ou a vellez xogaron a tódolos niveis no noso pasado histórico.
Na súa elaboración teñen participado Isidro Dubert e Ofelia Rey Castelao, integrantes do Grupo de Investigación de Historia Moderna, ao carón de historiadores, sociólogos, economistas, xeógrafos, sociolingüistas ou demógrafos, caso de F. X. González García, Xosé Miguel Andrade Cernadas, Raúl Soutelo Vázquez, Ramón Villares, Xulio Hernández Borge, Daniel Lanero Táboas, Henrique Monteagudo, Anxo Lugilde, Antía Pérez Caramés ou Melchor Fernández Fernández. Todos eles animados polo desexo de pór en coñecemento do lector algunhas das principais chaves do noso pasado colectivo; en concreto, aquelas que nos ofrecen unha comprensión cabal do presente que vivimos, e cuxa virtude parece ser a de contradicir esa falsa imaxe histórica do mesmo construída para nós dende o natalismo.
O acto de presentación terá lugar o mércores 6 de novembro de 2019, ás 19:30 horas, na libraría Couceiro, Praza de Cervantes 6, en Santiago. Participarán Ramón Villares, Francisco Xavier González García, Fran Alonso e Isidro Dubert.