Membros do GIHM participan no congreso internacional “Gañarse a vida: Xénero e traballo a través dos séculos” (UGR, 2022)
Membros do Grupo de Investigación Historia Moderna (GI-1921) participan no Congreso Internacional “Gañarse a vida: xénero e traballo a través dos séculos”, que se celebrará en Pampaneira (Granada, España) entre os días 12 e 16 de setembro de 2022. O programa do encontro, que está organizado pola Universidade de Granada, está conformado por 30 mesas temáticas coordinadas por investigadores de recoñecido prestixio. A profesora Ofelia Rey Castelao, membro do GIHM, impartirá a conferencia “Xénero, migración e traballo na Idade Moderna en chave comparativa”, que terá lugar o mércores 14 de setembro ás 11:30 horas.
Por outra banda, o profesor Isidro Dubert, director do GIHM, coordinará a mesa 20, que leva por título “As traballadoras do fogar en perspectiva histórica: criadas e serventas onte, empregadas do fogar hoxe”, xunto cos recoñecidos investigadores David Martínez López (Universidade de Granada) e Cristina Borderías (Universidade de Barcelona). Asemade, na devandita mesa, cuxo desenvolvemento terá lugar o mércores 14 de setembro de 16:00 a 20:30 horas, o especialista da USC presentará a comunicación “Chaves do servizo doméstico en Galicia nos séculos XVIII e XIX”.
Por último, a investigadora posdoutoral Mónica Fernández Armesto (Universidade de Santiago de Compostela), tamén vinculada ao GI, coordinará xunto con Tamara González López (Universidade da Coruña) a mesa 8, que leva por título “Expulsadas, excluídas e infravaloradas: atrancos e barreiras ao traballo feminino ao longo da historia”. Na mesma sesión, que terá lugar o 14 de setembro, de 08:30 a 11:00 horas, esta tamén defenderá a comunicación “A adquisición da cidadanía laboral das mulleres no Estado español: perspectiva histórica nun contexto internacional”.
Máis informacións en: https://www.cehval.es/ganarselavida/
[Programa completo en adxunto]