Ir ao contido principal

As celebracións políticas na Galicia da Idade Moderna

Robert J. López, GIHM, Universidade de Santiago de Compostela

As cerimonias e festexos foron habituais nas cortes e cidades da idade moderna. Os seus contidos simbólicos e a posta en escena foron recursos propagandísticos ao servizo das monarquías e institucións políticas para reforzar a súa lexitimidade e preeminencia.

Neste senso, organizáronse tamén nalgunhas poboacións galegas. A súa frecuencia e importancia dependeu da relevancia institucional dos núcleos urbanos. Á cabeza situouse Santiago, á que seguiron as outras seis capitais provinciais (A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Lugo, Ourense e Tui); xa na distancia, viñan vilas como Ferrol, Noia, Vigo e Viveiro. O reconto das celebracións organizadas en Santiago entre os reinados de Felipe V e de Fernando VII, pode darnos unha idea aproximada da súa variedade e relativa abundancia:

                                            Proclamacións reais                             6
                                            Acontecementos da familia real          83
                                            Victorias militares                                44
                                            Sucesos políticos                                43
                                            Entradas arzobispais                           11
                                            Outras entradas solemnes                    5
                                             Nomeamento                                      11
                                             Outras celebracións                            11
                                             Total                                                  252

A súa finalidade inmediata era dar a coñecer acontecementos relativos á familia real, aos éxitos da monarquía e as súas necesidades, e acontecementos relevantes da vida local. Malia todo, súa función foi máis aló do anuncio de tales feitos. Buscábase a exaltación da monarquía, subliñar a vinculación dos poderes intermedios e locais co poder rexio, e acadar a adhesión dos súbditos ás decisións políticas deste.

É comprensíbel, xa que logo, o interese das institucións galegas pola súa organización e desenvolvemento: a Real Audiencia, a Inquisición de Santiago, a universidade, o Real Hospital, o arcebispo e os bispos, os cabidos catedralicios, os consistorios municipais, as ordes relixiosas, os gremios. Todas esforzáronse por amosar a súa proximidade á monarquía, mais tamén por facerse ver polo pobo e por defender seu prestixio e a súa posición. Por iso foron frecuentes os conflitos e preitos sobre precedencias e participación nas cerimonias, nos que se enfrontaban entre si estas institucións cando algunha delas consideraba que recibía un trato indigno a respecto do seu prestixio, tal e como se puxo de manifesto en Lugo, Santiago e outras cidades.

Dado o seu carácter propagandístico, é pertinente preguntarse a quen se dirixía a mensaxe das celebracións. Algunhas ordes dadas, como o peche das tendas e a prohibición de traballar durante esas celebracións, parecen sinalar un interese especial dos organizadores por lograr unha asistencia masiva a estes actos públicos. Así se fixo, por exemplo, na Coruña coa proclamación dos distintos monarcas e noutras ocasións tamén. Tratábase de que asistise o maior número de persoas, pois “non é o mesmo ouvirse que a cidade fixo algunha outra demostración, que publicarse concorreron a ela voluntariamente as xentes do pobo” (dos festexos en Santiago polo nomeamento de Pedro Acuña e Malvar como Secretario de Gracia e Xustiza en 1792).

Porén, isto non significa que os organizadores tivesen como obxectivo principal a difusión masiva das mensaxes das cerimonias. No contexto social e político da época moderna, o interese pola “cousa pública” e a participación política limitábase a unha pequena parte da sociedade, a que conformaban os grupos privilexiados. Os programas das cerimonias e festexos estaban pensados polas elites para ser entendidos polas elites e para ser utilizados con vistas aos seus propios fins: reivindicarse fronte a monarquía e as súas institucións, e no seu contexto sociopolítico máis inmediato. A maior parte da poboación carecía da formación necesaria para comprender, mesmo de modo superficial, os símbolos e expresións empregados nas cerimonias. Bastaba con sorprendela coa proliferación de imaxes, música, comitivas, máscaras e outros elementos ceremoniais, e así inculcarlle un convencemento xenérico sobre as bondades do goberno e as súas institucións, as da monarquía e as máis próximas.

                                          

Estas consideracións son válidas para os séculos XVI e XVII e boa parte do XVIII. Nese tempo as cerimonias políticas elaboraron e difundiron unha “publicidade regulamentada desde arriba”, en expresión de Habermas, propia dunha sociedade na que aínda non existía unha opinión pública política ou esta era irrelevante, e na que o poder non estaba obrigado a xustificar as súas decisións ao conxunto da poboación. A partir de mediados do século XVIII, segundo foise conformando unha auténtica opinión pública política que reclamaba ser escoitada e que debía ser convencida con argumentos diferentes ao do carácter sacro do poder, tamén se deberon ir cambiando algúns compoñentes e mensaxes das cerimonias.

Paulatinamente incorporáronse a elas referencias a feitos reais da acción de goberno. Por exemplo, no sermón das exequias de Fernando VI predicado en Mondoñedo polo cóengo Arias Somoza, enxalzou o plan da Única Contribución, o establecemento de cuarteis militares, a formación de hospicios reais, o fomento da navegación, entre outros logros do seu reinado. Ademais, as mensaxes deberon de irse simplificando para alcanzar a un público menos elitista e así facer fronte a posíbeis ameazas dese á monarquía. Á morte de Carlos III, o cóengo maxistral da catedral mindoniense (Ramón Feijoo Enríquez Gayoso) fixo no seu sermón unha defensa clara da orixe divina do poder e así saír ao paso de “certos descorridores que se atribúen a honra de pensar por principios ilustrados dunha filosofía ata o presente non coñecida”.

O ton máis directo do discurso fíxose máis evidente a finais do século XVIII e durante o reinado de Fernando VII. As cerimonias políticas organizadas en Galicia durante a Guerra de Independencia puxeron de manifesto a lealdade maioritaria a Fernando VII como rei lexítimo; mais destacan nelas conceptos políticos que responden xa a un contexto diferente ao do Antigo Réxime, como se puxo de manifesto no proceso constitucional que concluíu en 1812. Nas cerimonias de xura da constitución e os festexos que as acompañaron abundaron os termos e os símbolos relacionados coas ideas de nación e patria, e coa exaltación dos seus heroes, fosen militares ou individuos anónimos. Debían expoñerse nunha linguaxe clara, con menos barroquismos, comprensíbel para a maior parte dos veciños, que deixaban de ser súbditos para se converter en cidadáns e por tanto, cando menos teoricamente, en protagonistas da res publica. Así puido verse, por exemplo, en Noia, nun pequeno templo dedicado á deusa Themis e noutras arquitecturas efémeras levantadas ao efecto.

Trala guerra, a loita entre os partidarios do Antigo Réxime e os dunha nova orde política atopou tamén unha canle de expresión nas cerimonias con que absolutistas e liberais celebraron as súas respectivas vitorias e trataron de ampliar os seus apoios populares. A restauración absolutista foi acompañada en varias cidades galegas da queima do texto constitucional e outras accións denigratorias, de festexos pola restauración da Inquisición en Santiago, de exaltación do absolutismo monárquico e outras similares. Os comezos do Trienio Liberal estiveron marcados simbolicamente pola defensa dos principios de 1812, e a volta ao absolutismo en 1823 con manifestacións similares ás de 1814. En conxunto, estas celebracións trataron de implicar e influír no maior número posíbel de persoas, pasando deste xeito dunha publicidade para unha minoría a outra que apuntaba a ser unha publicidade de masas.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS:
BARRIOCANAL LÓPEZ, Y., Exequias reales en la Galicia del Antiguo Régimen. Poder ritual y arte efímero, Vigo, 1997.
FERNÁNDEZ GASALLA, L., “Ciudad real, ciudad fingida. Las fiestas por la venida de la reina Mariana de Neoburgo a Galicia (1690)”, en D. Barral et alii (coords.), Mirando a Clío: el arte español espejo de su historia, vol. 3, Santiago de Compostela, 2012, 1880-1894.
LOPEZ, R. J., Ceremonia y poder en Galicia a finales del Antiguo Régimen, Santiago de Compostela, 1995.
LOPEZ, R. J., “Hablar a la imaginación: las ceremonias de proclamación y jura de la Constitución de 1812 en el noroeste peninsular”, Obradoiro de Historia Moderna, 20 (2010), 141-173. <https://doi.org/10.15304/ohm.20.10>
SÁNCHEZ RODRÍGUEZ, A., “Las ceremonias públicas en Lugo durante la Edad Moderna. Conflictos de preeminencia entre obispo, cabildo y concejo”, Obradoiro de Historia Moderna, 13 (2004), pp. 195-211. <https://doi.org/10.15304/ohm.13.568>
SUÁREZ GOLÁN, F., “Alteraciones rituales e instituciones urbanas en las ceremonias episcopales compostelanas”, en O. Rey y T. Mantecón (eds.), Identidades urbanas en la monarquía hispánica, Santiago de Compostela, 2015, 419-441.